Entrar

 
usuario
 
 
 
Cerrar

registro




Idioma en el que deseas que Meubook se comunique contigo.

 
  • Identifícate
  • Regístrate

 

en

Operación pixama de corazóns - zapatillas violeta - bata de lunares. Capítulo 127

January 26, 2013 por Raquel Couto Antelo  

Capítulo 127. Bela

Bela: que resulta agradable á vista ou ó oído e, en xeral, que esperta pracer espiritual. A violinista tocou unha peza moi bela.

 

Fonte: Diccionario da Real Academia Galega. Editorial Galaxia, S.A., 2000... si, antes da nova normativa... que cartos tirados, dalgún xeito tiña que amortizalos porque non teño mesas que coxeen tanto, nin armarios... bueno, por fin lle atopei uso, aguantando da pantalla plana, que non sei que tanta falta de sitio hai que as teñan que facer tan planas...

 

 

Noel quedou atrapado na cidade nunha das incursións dos de Torroal, incursión na que se convertiu no home lacazán e mal encarado da voz metálica.

 

Noel era un trasno de rapaz que non facía máis que falar nas clases de matemáticas e se distraía mirando as flores bonitas ou unha araña bela. Na casa tiñan que perseguilo para que comese o xantar e agacharlle a crema de chocolate para que non embadurnase a roupa ó comer ás présas. De grande metíase en canto follón o enredaban os amigos, na resistencia, na pesca furtiva ou nunha despedida de solteira.

 

Era un home hábil, orientábase ben na escuridade e facía menos ruído ca un gato asexando á súa presa. Na casa de Torroal tiña unha cunca de viño fresco cando tiña sede e alguén con quen botar unha partida de aburrirse. Os de Torroal nel tiñan un colaborador fiel, non demasiado implicado, non demasiado crítico. Lorenzo botaba man del para as visitas máis arriscadas porque a súa inconsciencia non lle permitía ter medo. Na casa dicíanlle que había que ir sentando a cabeza e a el soáballe a un sermón de vellos co que non se identificaba; pero ó final non sabía máis que andar entre as pólas vellas do monte.

 

Aquela noite non lle trouxo sinais de que a cousa ía mal, en realidade tampouco tiñan moito que facer, recibiran un soplo de que a garda amarela estaba de maniobras no distrito Sur e pensaron que igual era boa idea entrar para comprobar que a cousa non pasaba de aí, facíano sempre, era mellor vir de fóra entre moitas cousas porque os de dentro non querían facer arriscarse.

 

-  ¡Aí están! – díxolle a Lorenzo.

 

Lorenzo mandoulle baixar o volume cunha mirada asasina, a Noel non lle gustou e fixo un xesto burlón cara Amelia.

 

A garda amarela entraba portal por portal en cada casa abandoada do distrito Sur. Eran os edificios máis próximos ás casas de pedra e os primeiros anos do goberno amarelo. Un dos obxectivos era erradicar aquela lacra de maleantes ca que non poideran acabar os gobernos anteriores, eran os primeiros anos e notábase que aínda non asentaran o cu no asiento.

 

O grupo invasor observábaos na distancia, durante máis de dúas horas, entrar, berrar cara arriba, berrar cara abaixo e saír. Casa por casa. Os problemas comezaron cando tras desas entradas, berrar cara arriba, berrar cara abaixo e saír viñeron tres dos seus.

 

-  ¿Quen son? – preguntou Soa en baixo.

 

-  Os dous de diante son contactos, o outro non o coñezo – respondiu Lorenzo.

 

-  Igual é un dos novos – suxeriu Amalia.

 

Lorenzo non estaba seguro, non actuaba coma un dos deles.

 

-  Igual é dos outros – suxeriu Noel.

 

-  Igual é o chivato – soltou Soa.

 

En realidade era o que todas pensaban pero non o querían dicir en alto porque se non acertaban significaba sinalalo para sempre coma un apestado, e se acertaban significaba que había que desfacerse del.

 

-  Temos que distraelos para sacalos de aí antes de que arranquen – dicía Lorenzo con urxencia.

 

Non tiñan poder abondo para entrar nas instalacións da garda a rescatalos, nin sequera para deter aqueles coches destartalados. Con dous xestos organizaron unha ofensiva. Lorenzo e Soa baixarían a correr cara os gardas para dividirse despois dividindo a garda que os perseguiría. Amalia e Toño ocuparíanse dos que quedasen cos prisioneiros e Noel, por fin, liberaría ós seus compañeiros.

 

Actuaron tal como acordan, funcionou tal como pensaran. Os gardas actuaron con certo nerviosismo ante o inesperado pseudoataque, pero en segundos dividíronse para tratar de neutralizalos. Os que quedaron eran máis difíciles, perderan o elemento sorpresa, notábaselle o estado de alerta. Amalia doulle un golpe no cóbado para arrancar, Toño arrancou sen mirar atrás. Os gardas non reaccionaron como esperaban, non se moveron, non se apartaron nin un milímetro do obxectivo, nin se espantaron, nin representaron o contrincante fácil que supuxeran os outros.

 

-  ¡Alto! – ordeou o da primeira liña.

 

Toño non soubo como reaccionar, Amalia non se detivo, o garda impasible tumbouna cun áxil movemento de brazo. Toño abalanzouse sobre el obtendo o resultado que Amalia. Os gardas que custodiaban ós tres resistentes mirábanse contendo unha gargallada. Amalia trataba de incoporarse, Toño dubidaba. Na distancia Noel lamentou non ter con quen discutir a estratexia, arroutado como el era non o vía claro. Amalia erguiuse ante a mirada despectiva do gardas, o que tiña ó seu carón dispoñíase a devolvela ó chan cando Toño o agarrou das pernas inmobilizándoo, circunstancia que aproveitou Amalia para asestarlle un golpe que podería ser mortal para un individuo mortal, que o desequilibrou no caso da garda amarela. Por primeira vez os que custodiaban os présos mostraron algo de preocupación. Noel viu o seu momento, saiu do agocho, achegouse por detrás e abalanzouse sobre o único garda que aínda custodiaba ós seus compañeiros. Amalia tiña contra o chan ó primeiro garda, trataba de atarlle as mans. Toño pelexaba co outro garda sen poder desembarazarse del, golpe a golpe absorbía as súas forzas coma se dun gran muro de hormigón se tratase.

 

Dun golpe marcial deixouno inconsciente, apurou a desatalos mentres Amalia e Toño remataban co último garda.

 

-  Gracias – dixo un dos seus – xa nos víamos no outro barrio.

 

-  Apurade, teños que fuxir antes de que volvan en si – ordeou Toño.

 

Correron desesperados ate a fronteira. Noel notou que o terceiro home  ralentizaba o grupo a propósito, pareciulle. Non dixo nada, vixiouno. Na barreira agardaban por eles Soa e Lorenzo, sinalándolles desde o outro lado o punto exacto polo que saír. Noel notou que o terceiro home miraba para atrás con insistencia. Xa pasaran todos polo buraco de seguridade, Noel sentiu, por primeira vez, a necesidade de ser responsable.

 

-  ¿Quen es? – preguntoulle.

 

comentarios (0)



0/5 (0 votos)