Entrar

 
usuario
 
 
 
Cerrar

registro




Idioma en el que deseas que Meubook se comunique contigo.

 
  • Identifícate
  • Regístrate

 

en

Operación pixama de corazóns - zapatillas violeta - bata de lunares. Capítulo 106

September 1, 2012 por Raquel Couto Antelo  

Capítulo 106. Doela

Doela: cada unha das táboas que forman as paredes curvas dun barril, pipa, tonel, etc. As doelas son xeralmente de madeira de castiñeiro, carballo ou moreira.

 

Fonte: Diccionario da Real Academia Galega. Editorial Galaxia, S.A., 2000... si, antes da nova normativa... que cartos tirados, dalgún xeito tiña que amortizalos porque non teño mesas que coxeen tanto, nin armarios... bueno, por fin lle atopei uso, aguantando da pantalla plana, que non sei que tanta falta de sitio hai que as teñan que facer tan planas...

 

 

-      ¿Sabes do que me acabo de decatar eu? – preguntou Froilán – de que volveches por min.

 

E díxoo sorrindo, podía ser que eu cambiase pero el tamén, quizais porque a última lembranza que tiña del era a do Froilán tranquilo da segunda vez, quizais porque lle pasara o enfado.

 

-      Xa che digo que me falta controlar a historia do destino – dixen medio rindo, medio non querendo admitir que me importaba.

 

A súa cella erguiuse aínda que el sorría con tenrura.

 

-      Non tanto; quero dicir, volveches ó goberno negro e ó cárcere onde estiveches, igual si podes controlar ir ós sitios onde estiveches antes, pero non ós que non coñeces – discurriu.

 

-      Ten sentido, pero o preocupante non é iso, o que me preocupa é que cando durmo podo aparecer en calquera sitio, sen querer, sen ter que ir, sen nada, vou tolear – dixen.

 

-      Sen nada seguro que non, seguro que hai un motivo polo que tes que ir a onde vas, o gran problema é que non poidas durmir ou que, como che dixo Raúl, te perdas nos soños – razoou Froilán.

 

-      ¿Que facemos agora? – preguntei.

 

-      Non sabemos onde estamos, por min esperamos a que se faga de día – dixo – hai estrelas e tal, pero non se ve nada e se hai toque de queda armámola.

 

-      Isto non parece a cidade – dixen mirando de redor.

 

Deitámonos a carón, o chan era de terra, Froilán ofreciume o seu peito para apoiar a cabeza e envolviume co brazo.

-  Se marchas, volve por min – dixo acariñándome o cabelo.

 

Sorrín, doume medo soñar e igual por iso non o fixen. O resío despertoume anunciando un día de sol. Erguinme tratando de liberarme do brazo de Froilán sen despertalo. Á vista só se vían paredes de barro e un ceo azul enriba de nós. Doume o pánico ó verme nun lago baldeiro que se podía encher en calquera momento. Botei a andar a carón dunha das paredes, o terreo era extenso, as paredes facían un rectángulo que asemellaba unha tumba xigante, nun dos lados había unha rampa.

 

-  ¿Que é isto? ¿O solar dunha obra? – preguntou Froilán ó meu carón salvándome de verme enterrada viva.

 

-  Pode ser, ía achegarme á rampa aquela – dixen sinalándoa – para ver o que hai enriba.

 

-  Andando – convidou Froilán.

 

A rampa era máis empinada do que parecía a simple vista, unha vez arriba deixounos ver a cidade ó lonxe. Era distinta, non, era igual pero estaba distinta. Era bonita, os catro edificios emblemáticos que se distinguían con facilidade lucían limpos e coidados, ó lonxe víanse as casas de pedra cheas de vida e cores.

 

-  ¿Non é a cidade? – preguntou Froilán.

 

-  Si – respondín – este debe ser o sitio da fábrica, temos que atopar a César.

 

-  Dixeches que non vivía na cidade ¿non? – dixo el.

 

-  Xa, pero se este é o sitio da fábrica aínda non hai límite. Podemos saír e entrar sen problema – argumentei.

 

-  O problema vai ser atopalo sen saber onde vive – baixoume da nube Froilán.

 

-  Podemos ir á tenda de Hana e Raúl, igual o saben – suxerín.

 

-  Si, podemos – aceptou sen convencemento.

 

Con algo de razón, teño que dicir, era perfectamente posible que aínda non estivesen nas casas de pedra; pero el tampouco podía ofrecer alternativas porque daquela aínda non tiñan os pisos francos.

 

-  Teño unha fame que non vexo – dixo Froilán – ogallá teñas razón e vivan alí.

 

Baixamos a modo, eu estaba despertando e Froilán levaba tempo sen comer. De preto a cidade non se vía tan perfecta coma de lonxe, notábase o abandoo nalgunhas cousas; porén, as rúas, as árbores e os edificios bonitos estaban coidados. A xente camiñaba tranquila e as crianzas corrían sen medo.

 

Diante da que coñecíamos como a tenda de Hana e Raúl tomamos alento e mirámonos conxurando á sorte.

 

-  Bos días – saudou unha Hana nova e sorrinte.

 

Eu miraba de redor tratando de recoñecer o local, Froilán fixara a vista nun bolo de pan que arrecendía detrás do mostrador. Non había xoguetes, nin zapatillas; no sitio había un barril de doelas de carballo, grelos, repolos e patacas, chourizos e xamón.

 

-  Bos días – respondín decatándome de que ningunha de nós lle devolvera o saúdo.

 

 

comentarios (0)



0/5 (0 votos)