Entrar

 
usuario
 
 
 
Cerrar

registro




Idioma en el que deseas que Meubook se comunique contigo.

 
  • Identifícate
  • Regístrate

 

en

Operación pixama de corazóns - zapatillas violeta - bata de lunares

December 19, 2010 por Raquel Couto Antelo  

Capítulo 4. Operación



Operación: acción ou serie de accións realizadas e medidas adoptadas para obter un resultado concreto. Aparcar é sempre unha operación difícil para el.



Fonte:    Diccionario da Real Academia Galega. Editorial Galaxia, S.A., 2000... si, antes da nova normativa... que cartos tirados...



-    ¿O que? – preguntou Xuño polo baixo.



Pero as outras non a escoitaron, seguían envoltas na euforia da extraordinaria idea de Xuño. “Un pixama”, “unha bata”, “unhas zapatillas” dixeron as tres á vez tapándose unhas as outras.



-    ¿Unhas zapatillas? – preguntou Priscila.



-    ¿Un pixama? – preguntou Úrsula.



-    ¿Unha bata? – preguntou Clara.



A un tempo, claro. A Xuño xa lle parecía raro que estiveran todas de acordo cunha idea súa e máis aínda de acordo entre elas. E comezou a poñerse nerviosa e a pensar que lle fora mellor estar calada, porque polo menos co dos transmisores coincidiran en que era mala idea.



-    ¿Por que preguntas “¿un pixama?” con eses rintintín? – preguntoulle Clara a Úrsula.



-    Pois porque está claro que o que precisa son unhas zapatillas, dixo o outro día que lle estaba comezando a saír o dedo gordo – respondiu Úrsula.



-    Porque ti o digas – soltou Clara con retranca.



-    Non, o que está claro que precisa é unha bata, pixama e zapatillas ten – dixo Priscila.



-    Porque ti o digas – repetiu Clara.



-    ¡Iso! Ela non usa bata ¿ou vícheslle unha? – arremetiu Úrsula.



-    Aí está, se non a ten será porque non lle gustan – insistiu Clara.



Mentres, Xuño arrimábase cada vez máis á porta intentando non facer ruído para que seguisen sen decatarse de que aínda estaba alí. Cando se decatasen tería que dar a súa opinión e en canto falase ía meter a pata seguro.



-    Pois ó mellor si que lle gustan pero non da atopado unha ó xeito – argumentou Priscila.



-    Non a atopou ela e vala atopar ti – dixo Clara con certo desprezo.



-    Pois igual si – respondiu Priscila.



-    ¡Ha! – dixeron Úrsula e máis Clara.



Priscila insistiulles en que eu tiña pixama e zapatillas e que lles debía ter moito cariño se estaban tan gastadas e non as daba cambiado; e igual lles tomaba a mal que me regalasen calquera das dúas cousas porque viña sendo unha indirecta de que daban noxo. Ás outras dúas doulles a risa e dixéronlle que se todo o mundo fixese caso dese argumento ninguén regalaría nada.



-    Pixamas e zapatillas desde logo ¿a que si Xuño? – pediu axuda Priscila véndose acurralada.



Xuño quedou en branco, estaba concentrada no de fuxir sen ser vista, e pensaba que lle estaba resultando, tanto que se sentiu invisible e sorprendiuse de que aínda pensaran que estaba alí.



-    Si, iso Xuño, dille cal das tres ideas é a mellor, ó final a ocorrencia foi túa – desafiou Clara.



Xuño púxose máis branca aínda, achegouse á mesa e sentou caendo case polo seu propio peso.



-    ¿Como que foi idea miña? ¿Como que teño que decidir cal das ideas é a mellor? ¿Pero como me facedes isto diosmiu? – rosmaba Xuño con afectación mentres botaba as mans á cabeza.



Todas sabían que era un pouco histérica, pero naquel momento parecía afectada de verdade, tanto que ata Clara a tomou en serio e incluso a tranquilizou:



-    Non, Xuño, tranquila, era broma muller, regalámoslle as tres cousas e xa está ¿paréceche? – dixo Clara con voz moi doce, sen retranca e sen nada.



Ás outras estrañoulles porque non era o seu papel, aínda que non fixeron comentarios descojonándose porque lles pareciu unha situación extrema. Ademais a solución era i-d-e-a-l.



-    Chamarémoslle “Operación pixama-zapatillas-bata” – dixo Clara mentres pasaba a man á altura da cara simulando ler un cartel luminoso.



-    Non ten moito gancho – saiu tímido da boca de Xuño referíndose ó nome da operación.



-    Non – dixo Úrsula.



-    Decididamente non – dixo Priscila.



E riron as catro da chorrada de nome que se lle ocorrera a Clara no intento de consolar a Xuño.


comentarios (0)



0/5 (0 votos)