Entrar

 
usuario
 
 
 
Cerrar

registro




Idioma en el que deseas que Meubook se comunique contigo.

 
  • Identifícate
  • Regístrate

 

en

Operación pixama de corazóns - zapatillas violeta - bata de lunares. Capítulo 157

October 1, 2013 por Raquel Couto Antelo  

Capítulo 157. Logreiro

Logreiro: que fai préstamos cun xuro excesivamente alto e, xeralmente, ilegal. Por extensión, que se aproveita doutras persoas economicamente ou de calquera outra forma. Sentía a solución moi lonxe porque vía que só os logreiros recibían apoio.

 

Fonte: Diccionario da Real Academia Galega. Editorial Galaxia, S.A., 2000... si, antes da nova normativa... que cartos tirados, dalgún xeito tiña que amortizalos porque non teño mesas que coxeen tanto, nin armarios... bueno, por fin lle atopei uso, aguantando da pantalla plana, que non sei que tanta falta de sitio hai que as teñan que facer tan planas...

 

 

-      ¿E como o queren facer? – tremáballe a voz ó home.

 

-      Vostedes vaian contándonos o que fan e como o fan, despois xa veremos – esixín con voz de xefa logreira.

 

Non lle fixo falta máis explicación, nin realizou outra comprobación, tan só botou unha ollada de corroboración á xente que entrara detrás del e comezou a contartos ate o máis mínimo detalle o que facían na, ata daquela, misteriosa fábrica.

 

“Como xa saben, esta ala adícase á investigación no campo alimentario, fundamentalmente referida ós cultivos, clima, tempo de maduración, etc. Desde esta unidade – dixo o home achegándose ás máquinas que estaban no extremo da sala – contrólanse os campos, a temperatura ambiente, a luz, a humidade, as pragas... Nesta de aquí – a que estaba ó carón – contrólase o produto, o medre, a maduración...”

 

E así foi describindo as funcións de cada un dos bloques de máquinas que decoraban as paredes da sala de control e eu plantexábame se facer preguntas poría demasiado en evidencia que non tiña nin idea e tiraría por terra a tapadeira da inspección.

 

-      ¿Que tipo de cultivos? – preguntou Froilán sen complexos.

 

-      De todo tipo, según demande o mercado, os autóctonos facémolos nos campos, no exterior, quero dicir; os foráneos, cultivámolos no interior ate que conseguimos que a especie sobreviva – explicou o home.

 

-      ¿No laboratorio? – insistiu Froilán.

 

-      Si, claro – respondiu o home – despois, xa se comeza o seu cultivo no exterior.

 

-      ¿E que tal responde o mercado? – preguntei.

 

-      Non temos datos, iso terano que consultar no departamento económico – dixo o home.

 

-      Bueno, se estamos aquí será porque funciona ben – dixo a rapaza das gafas.

 

-      Si, claro – confirmou o home avergoñado por dubidar do sistema.

 

-      Non se preocupe, co departamento económico xa nos reuniremos máis tarde – soltei para restar tensión - ¿Desde cando traballa vostede aquí?

 

-      ¿Eu? – púxose nervioso – hai uns trinta anos, non sei, máis ou menos, non sei, comecei cando tiña vinte anos, os meus pais traballaban aquí...

 

-      ¿Que estudios cursou antes de entrar? – seguín co interrogatorio.

 

-      ¿Estudios? – case sofrendo un ataque de pánico - ¿como estudios? Fun aprendendo aquí, coma o resto.

 

-      Ben – zanxei, con ton de que iso era o que quería escoitar – revisemos o resto das instalacións.

 

O home sorriu aliviado, tanto que non dubidou un segundo en abrirnos toda canta porta atopou polo camiño. Polo que se deducía das vagas explicacións do home en bata branca, aquelas instalacións albergaban ó persoal que cultivaba os alimentos que abastecían a cidade, e con bastante probabilidade as exportacións, porque era imposible que obtivesen beneficios abondo da cidade para manter semellante despregue. Era interesante que as persoas con bata branca practicamente non abandoaban o recinto, nin parecían sequera botar de menos o exterior. Non parecían sentir, quizáis a xente máis nova, quen sabe, fóra non había moito máis, seguramente aínda menos.

 

Entrando na sala de control parecérame moita xente en bata branca, paseando polas instalacións, porén, era pouca. Á luz dos días os terreos cultivados eran inmensos e perdíanse no horizonte, a maquinaria era pesada; os laboratorios mantiñan a proporción, salas inmensas, algunhas con terreos e cultivos dentro con todo o que iso conlevaba en maquinaria, iluminación e espazo.

 

-      ¿Non hai máis persoal? – preguntei.

 

-      Non – dixo o home, desorientado de novo – nós, a doutora, o bedel...

 

-      Bueno, Íñigo... – medio riu entre dentes a rapaza das gafas.

 

-      Íñigo é o bedel – aclarou o home – leva moitos anos na fábrica, non ten unha tarefa específica, pero é importante para o desenvolvemento da actividade.

 

A rapaza volviu facer o xesto de risa entrecortada. O home non lle dou importancia.

 

-      ¿O resto do traballo faise de maneira mecánica? – preguntei.

 

-      Si, é un traballo bastante rutinario – dixo o home.

 

-      Non, referíame a se o desenvolven as máquinas – aclarei.

 

-      Claro, desde a sala de control como lles expliquei antes – púxose en plan profesor enfadado.

 

Froilán riu.

 

-      ¿A comida e a limpeza tamén? – subín o ton porque me pareciu mal que rira de min por meter a pata.

 

-      Si – dixo con timidez.

 

-      Nós non o facemos desde logo – rematou a frase a rapaza con gafas.

 

Curioso, asumían que todo o que non facían de por si o facían as máquinas.

 

-      Está ben, non ten maior importancia, ¿con que departamentos traballan máis directamente? – seguín.

 

Miráronse uns a outros, un barullo de preguntas polo baixo dou paso a un silencio sepulcral. O home que ía a cabeza miroume movendo as cellas nervioso.

 

-      ¡Cos que vos acabamos de ensinar! – enfurruñouse o home.

 

-      Referíase ó envasado, transporte, comercio – anticipouse Froilán.

 

-      Ah, claro, non sei, recibimos informes da consistencia dos produtos e tal, pero non sei, será o de envasado ese que dis...

 

comentarios (0)



0/5 (0 votos)