Entrar

 
usuario
 
 
 
Cerrar

registro




Idioma en el que deseas que Meubook se comunique contigo.

 
  • Identifícate
  • Regístrate

 

en

Operación pixama de corazóns - zapatillas violeta - bata de lunares. Capítulo 153

August 6, 2013 por Raquel Couto Antelo  

Capítulo 153. Fatalidade

Fatalidade: forza que determina os acontecementos, particularmente no sentido da desgracia. A fatalidade quixo que se atopasen con cadanseu amante no mesmo hotel.

 

Fonte: Diccionario da Real Academia Galega. Editorial Galaxia, S.A., 2000... si, antes da nova normativa... que cartos tirados, dalgún xeito tiña que amortizalos porque non teño mesas que coxeen tanto, nin armarios... bueno, por fin lle atopei uso, aguantando da pantalla plana, que non sei que tanta falta de sitio hai que as teñan que facer tan planas...

 

 

Quixo a fatalidade que unha explosión na fábrica lle aforrase o traballo, caeron dun plumazo, a cuñada do seu ex-xefe, o seu ex-xefe, o xefe do seu ex-xefe e, cun pouco de axuda do segundo líder, o primeiro líder do goberno amarelo. Porén, a alegría non foi máxima, o seu pai foi unha das víctimas inexistentes e nin a súa fría ambición foi capaz de pasalo por alto. Tampouco se pode dicir que o ascenso mercara o silencio, o silencio era inevitable, salvo que quixeran acompañar a Íñigo, claro. O ascenso merecíao, pensaba ela. Merecíao polo traballo, merecíao pola pena, merecíao pola pena da súa nai.

 

-      ¿Sabes que che estou facendo un favor dándoche este posto? – vendía o antigo segundo líder.

 

-      Si – mentía Adina.

 

-      Pois espero que mo devolvas cando a situación o requira – esixía o novo líder do goberno amarelo.

 

-      Por suposto – mentía Adina.

 

Adina facía, coma sempre, os seus cálculos, ó mínimo sinal de debilidade daríalle as voltas da morte do seu pai; non estaba convencida, sequera, de que a explosión fose accidental.

 

-      Como ves, aquí os erros asúmense – vendía a súa xestión o novo líder – procura non cometer ningún.

 

Pouco lle importaban a ela os discursos; agora de xefa, ía cometer os erros que considerase oportunos e procuraría ocultalos nas cadeas de mando dos seus enimigos, aqueles que mentalmente aniquilaba de costureira.

 

-      Asignámoche unha casa, pensamos na da túa xefa, ó final era muller coma ti, teredes gustos parecidos – ata aí chegaba a súa simpleza.

 

-      Moitas gracias – mentía Adina.

 

Horrorizábase pensando en sentar nun sofá e ver aquela figura xigantesca ameazando con baleirarlle un cántaro de auga enriba da cabeza.

 

-      Ímosche asignar tamén, unha axudante; secretaria chamábanlle os outros – trataba de mostrarse como máis considerado o novo líder.

 

-      Perfecto – mentía Adina.

 

Non estaba segura de poder confiar en alguén, e menos en alguén que viñese da man de semellante depredador. Lembrábase a si mesma facendo plans para desfacerse dos seus xefes, e non vía a necesidade de correr o risco, ela era bastante autosuficiente.

 

-      Terás a túa disposición un coche, un escolta e, ben, calquera outra que consideres terás que detraela do teu presuposto – explicaba o novo líder.

 

-      Seguro que non me fai falta máis – xogaba á humildade Adina.

 

O novo líder mirouna sabendo que, ó mellor, daquela era así; pero nuns meses, igual en menos, todo sería pouco. Adina tamén o sabía, víraos medrar, sabía a que conducía o lecer; pero ela tiña un plan B, lembraba a foto da cuñadísima, aquel luxo esaxerado; lembraba o rapaz do supermercado; preguntábase se sabería manexarse dabondo para acceder a un de aqueles mercados nos que se atopaban antigüidades fóra.

 

-      Señora, desculpe, eu non teño nin idea do que me fala – falaba un León confuso sen erguer a cabeza.

 

-      ¿Non es ti o encargado da mercancía? – poñíase esixente unha Adina que medraba por segundos.

 

-      Si, señora; pero da que entra na lonxa, de antigüidades non lle sei – León miraba de redor buscando ó superior para desembarazarse de aquela moza insistente que sabía poderosa – igual o meu xefe...

 

-      Nin se che ocorra comentar isto con ninguén – ameazou Adina – Sabes o que che pode pasar se me contrarías ¿non?

 

-      Si, señora – baixaba a cabeza León desexando que os caprichos non lle complicasen máis a existencia.

 

-      Temos que falar con máis calma, cando remates pasa pola miña casa – doulle unha tarxeta co enderezo Adina.

 

León colliuna porque viu que Adina non apartaba a man por moito que se demorase e ela asegurouse de que entedese a importancia da visita. León lamentaba o estraño encanto que chamara a atención dunha lideresa do goberno amarelo, a el gustáballe a vida fácil que levaba, nin sequera encarar ó seu xefe lle gustaba. Escoitábanse cousas, ser o capricho dunha muller poderosa podía ser moi custoso.

 

-      Pasa – convidouno a pasar Adina.

 

León entrou sen querer, miraba espantado os teitos altos e a decoración recargada, imaxinando un sótano húmido e escuro cheo de instrumentos de tortura.

 

-      ¿Ves todo isto? – daba voltas de redor Adina.

 

León asentiu.

 

-      Quero desfacerme de todo, quero vendelo, preciso cartos – soltou unha Adina que aínda non entendía que ese tipo de cousas non se lle podían dicir a calquera.

 

-      Señora, xa lle dixen que eu non sabía... – case respiraba aliviado León.

 

-      Pero ti podes preguntar e eu non – dicía unha Adina fóra do seu papel de mando – eu non me quero arriscar a que alguén empregue isto na miña contra, acaban de darme o cargo e non quero mostrar debilidades.

 

-      Señora, non é debilidade querer decorar a casa, digo eu – collía confianzas León.

 

-      Non é unha cuestión de decoración, é que os novos queren aparentar que son distintos e van aproveitar isto, seino – confesaba Adina.

 

comentarios (0)



0/5 (0 votos)