Entrar

 
usuario
 
 
 
Cerrar

registro




Idioma en el que deseas que Meubook se comunique contigo.

 
  • Identifícate
  • Regístrate

 

en

Operación pixama de corazóns - zapatillas violeta - bata de lunares. Capítulo 152

July 30, 2013 por Raquel Couto Antelo  

Capítulo 152. Ébano

Ébano: árbore propia de África ecuatorial, de 10 a 12 metros de altura, de tronco groso, copa ancha, froitos en forma de baga e madeira de cor negra. Onte merquei unha figura de ébano na feira das Marabillas.

 

Fonte: Diccionario da Real Academia Galega. Editorial Galaxia, S.A., 2000... si, antes da nova normativa... que cartos tirados, dalgún xeito tiña que amortizalos porque non teño mesas que coxeen tanto, nin armarios... bueno, por fin lle atopei uso, aguantando da pantalla plana, que non sei que tanta falta de sitio hai que as teñan que facer tan planas...

 

 

A cuñada resultoulle máis fácil do que esperaba; aínda que, como lle dixera o seu xefe, facía o que el lle mandaba, non se complicaba demasiado; mellor dito, non traballaba demasiado. Descansou, sen complexos, en Adina; a súa indiferencia dáballe total liberdade e a liberdade doulle poder.

 

Comezou delegando nela os informes, despois as reunións, despois as festas informais e despois as festas formais tamén. Adina soupo aproveitar ben cada oportunidade e o seu ex-xefe non protestou porque os resultados eran os correctos e temía que ca súa cuñada non chegasen a iso. Non lle quitou o cargo, nin ascendiu a Adina, ¿para que? ¿para poñerlle o seguinte chanzo máis fácil? Tampouco era tan tonto, os resultados eran bos e a súa cuñada o cortalumes perfecto.

 

Adina foi o suficiente lista como para non reclamar o que era seu por dereito, igual non por dereito pero si por traballo. Pero tampouco era tan tonta, non só traballaba, acumulaba apoios.

 

-      Adina, vin o outro día unha figura de ébano preciosa – comentáballe a cuñadísima.

 

Adina non sabía que era o ébano, un material seguro, pero non que tipo de material; non llo dixo, seguiulle a corrente ate ter un momento no que poder consultalo.

 

-      Case a merco, pero é demasiado grande para traer no coche oficial, e claro, o meu cuñado ponse tonto cando fleto un camiñón para as miñas cousas, nin que o pagase el, para as súas non ten tantos reparos – falaba con confianza a muller.

 

Adina calaba, non tiña alternativa, falar mal do seu ex-xefe poñeríaa en serios apuros; a cuñada podíase queixar, pero se o facía ela, cada palabra inoportuna chegaría ó peor sitio posible. Falar ben do seu ex-xefe e levarlle a contraria á cuñada suporíalle perder as facilidades cas que contaba neses momentos. Non eran xente de admitir ideas intelixentes, tan só confirmación e aceptación.

 

Pero calar e conter a rabia producía unha reacción en cadea non demasiado recomendable. Durante días non paraba de darlle voltas no estómago, utilizaban o transporte para traer unha figura grande dabondo para non caber nun coche oficial e polo tanto cara, e ela case tiña que lavar a roupa pola noite para poder usala ó día seguinte. Pero, tamén, calar diante da cuñada non significaba que tivese que calar diante de todo o mundo, só que tiña que buscar a xente axeitada a quen contarllo. Nas horas perdidas de insomnio confeccionou a lista de líderes máis manipulables, e ocupouse de que lles chegara polo camiño correcto a nova de que o seu ex-xefe empregaba de maneira habitual os transportes de mercancías do goberno para os seus fins particulares, recalcando que estes fins particulares cinxíanse a traer de fóra luxosas figuras innecesarias.

 

Non era un rumor mortal, quen máis quen menos facía o mesmo, non igual co transporte, pero cos coches oficiais, ou simplemente ca man de obra.

 

-      ¡Que torpe es! – falaba consigo mesma – tes que buscar algo máis.

 

Había abondo. Só tiña que atopar algo que os outros non fixeran.

 

-      ¡León! ¡León! – berraba o encargado do supermercado - ¿onde está a mercancía?

 

-      Non o sei, señor – baixaba a cabeza un León novo.

 

-      ¿Como que non o sabes? O teu traballo é colocar a mercancía nas estanterías e non está, saberás onde a deixaches ¿non? – berraba abondo o encargado, para que na tenda todo o mundo soubese que a culpa era do rapaz e non del.

 

-      Non sei, señor – parecía que era o único que sabía dicir.

 

-      ¡Non o sabe! ¡Estou rodeado de inútiles! – berraba o encargado – a ver, o camión chegou e deixou a mercancía, ¿onde a deixaches? ¿no almacén?

 

-      Non, señor – respondía León ca cabeza baixa.

 

Adina observaba a escena con atención, desde que deixara a casa dos pais vivía nun pequeno piso preto das grandes casas dos líderes do goberno amarelo; desde aquel momento, o sitio máis próximo para mercar era aquel almacén, e nunca prestara atención á xente que traballaba alí. Normalmente eran fantasmas silenciosos que recollían as cousas que caían, cobraban na caixa e limpaban o chan nos días de choiva.

 

-   Non, señor ¿que? – berraba máis, se era posible, o encargado.

 

-   Non, señor, non chegou o camión – dixo con timidez o rapaz.

 

-   ¿Non veu o camión? ¿Outra vez? – baixou o volume de maneira significativa o encargado.

 

León asentía ca cabeza aínda baixa.

 

O encargado deixou ó rapaz recompoñendo a vergoña no medio dunha superficie baldeira e dirixiuse ás oficinas. Adina quixo dividirse para preguntarlle ó rapaz se iso pasaba a miúdo e pegar a orella á porta do despacho do encargado para saber a quen ía chamar. Viu que o rapaz era un obxectivo máis asequible así que aproveitou para escoitar a conversa do encargado, con el falaría en calquera outro momento.

 

-      Si, outra vez – dicía case sen voz – non, non se queixou ninguén aínda... mandareilles estender a mercancía que hai, coma das outras veces, os mércores non ven moita xente, non creo que se note... vale, vale, farémolo así... espero que así sexa... si, aquelas vacacións das que faláramos, por exemplo.

 

 

Non, non esperaba que aquela fose a última vez; Adina recoñecía pefectamente aquelas “esperanzas”, esperaba unha recompensa; ela, só tiña que averiguar de quen.

 

-      Mira, Adina ¿a que queda monísima no salón? – a súa xefa ensináballe unha foto dunha figura feminina de ébano suxeitando un xarrón que chegaba case ó teito dun salón recargado de cousas esaxeradamente luxosas.

 

Baixou a cabeza coma o rapaz dos grandes almacéns.

 

-      Si, é preciosa – dixo ca súa falsa humildade.

comentarios (0)



0/5 (0 votos)