Entrar

 
usuario
 
 
 
Cerrar

registro




Idioma en el que deseas que Meubook se comunique contigo.

 
  • Identifícate
  • Regístrate

 

en

Operación pixama de corazóns - zapatillas violeta - bata de lunares. Capítulo 149

July 9, 2013 por Raquel Couto Antelo  

Capítulo 149. Bucólica

Bucólica: que fai referencia ou evoca a vida do campo e dos pastores e, por extensión, que fai referencia á natureza ou á vida en contacto ca natureza. Verdes si que é unha paisaxe bucólica.

 

Fonte: Diccionario da Real Academia Galega. Editorial Galaxia, S.A., 2000... si, antes da nova normativa... que cartos tirados, dalgún xeito tiña que amortizalos porque non teño mesas que coxeen tanto, nin armarios... bueno, por fin lle atopei uso, aguantando da pantalla plana, que non sei que tanta falta de sitio hai que as teñan que facer tan planas...

 

 

A doutora saíu dunha porta que había ó fondo da sala ó tempo que nós entrábamos pola que daba ó corredor.

 

-      ¿Que pasou Íñigo? Ves moi apurado ¿ou? – dicía a doutora colocando a bata.

 

En canto rematou de abrochar o último botón e erguiu a vista para mirar ó vello abriu os ollos coma pratos.

 

-      Levaron un golpe – explicou Íñigo con voz de neno bo.

 

A doutora mirábanos máis coma se tivésemos a peste que se levásemos un golpe. Tardou en achegarse para comprobar o que lle dicía o vello e cando o fixo non nos tocou, analizábamos coma se fósemos unhas bacterias atrapadas nun portaobxectos debaixo da lente do microscopio.

 

-      Atopeinos nos campos – Íñigo fixo un aceno ca cabeza cara fóra.

 

-      Xa vexo, xa – dixo a doutora mirando o barro da nosa roupa.

 

-      Ela aínda lembra algo, pero el non, claro, caiu de máis alto – Íñigo insistía na súa teoría.

 

Froilán volviu a conter a risa e a doutora mirou ó pobre vello con cara de poucos amigos.

 

-      ¿De máis alto? – reprochou – tes cada cousa. Sentade por aí – ordeou sinalando a unhas cadeiras que había a carón da porta pola que saíra.

 

Sen quitarnos o ollo de enriba achegouse a Íñigo e falou en voz baixa con el aínda que podíamos escoitar con claridade o que dicían.

 

-      ¿Quen son? Eu non as coñezo ¿pasaron por seguridade? – preguntaba a médica.

 

-      Pasaron – Íñigo non entendía o interrogatorio, aínda que el tamén tivera as súas dúbidas.

 

-      ¿Con quen falaches? – a doutora estaba cada vez máis nerviosa.

 

-      ¿Con quen ía falar? De noite non hai ninguén, ben o sabes, pasamos polo arco e non dou aviso ningún, daquela son de dentro ¿non? – Íñigo falaba en serio, coma se fose unha proba irrefutable.

 

-      Si, en principio si; pero, é que todo isto é moi raro ¿como ían contratar xente nova sen avisarnos? Todo isto é moi raro – repetía a muller.

 

-      Raro ou non haberá que mirar se teñen algo, mira que se lles da unha embolia e morren... – Íñigo aínda seguía empregando a voz de inocente.

 

-      Pois igual nos viña ben... – dixo a doutora con voz tétrica.

 

Froilán e máis eu mirámonos.

 

-      Calquera deixa que nos toque – díxenlle polo baixo.

 

-      Tranquila, non parece moi decidida a facelo – rosmou Froilán con retranca.

 

-      ¿Quen sodes? – espetou a doutora de súpeto mirándonos en fite.

 

Froilán erguiuse coma se acabase de falarlle un almirante. Eu non lle quitaba ollo á doutora e trataba de pensar nunha resposta que salvase o noso pescozo.

 

-      Eu son Rita – dixen esquivando ó Froilán escudo.

 

-      ¿E ti? – preguntoulle a Froilán.

 

-      Eu Froilán – respondiu desafiante.

 

A doutora agarrou a Íñigo do brazo e saíron da consulta pechando a porta detrás de si.

 

-      ¿Podes ir espabilando? Deberíamos estar de camiño de volta a algún dos sitios dos que vimos, tes abondo onde elixir, non facemos máis que saltar de aquí para acolá e agora a tipa nin se move – Froilán enfurruñado axitaba os brazos e contiña as ganas de berrar esta vez.

 

-      Non, ten que haber unha razón pola que estamos aquí – púxenme firme.

 

-      Claro que a hai, é a mesma razón pola que imos ós outros sitios, o que pasa é que non sabemos cal é, e non deberíamos correr o risco de averiguala, moito menos tendo do outro lado da porta á doutora psicópata – Froilán alzaba un pouco máis a voz.

 

-      Joder tío, esta é a fábrica, aquí está a orixe de todo ¿non lembras o que dixeron Hana máis Raúl e os outros? – erguinme tamén para poder miralo un pouco máis á par.

 

-      Conócese que teño o instinto de supervivencia más a flor de pel ca ti, a estampa bucólica da luz das estrelas sobre os prados debiuche adormecer o sentido – seguía rosmando.

 

Pero a porta interrompeu o seu discurso, a doutora entrou acompañada de dous gardas vestidos dun granate impecable, con cara de poucos amigos e algo de sono.

 

-      Aquí están – sinalounos.

 

-      Vémolos. Gracias – díxolle un dos gardas con bastante malos modos.

 

-      As súas credenciais – esixiunos o outro garda.

 

-      É que non as levamos enriba – dixen.

 

-      Daquela van ter que vir con nós – dixo.

 

-      Non – espetei con forza.

 

Os gardas quedaron paralizados, Froilán agarraba o corazón non sei se para sentilo ou para que non lle escapase, a doutora dou un paso atrás.

 

-      Desculpe, non é unha petición, é unha orde – dixo o outro garda.

 

-      Desculpen vostedes, non acepto ordes, quedamos aquí – ataquei de novo.

 

Os gardas miráronse, saudaron á doutora e retiráronse, sen mediar máis palabras, sen máis insistencia, sen máis violencia. A doutora víaos marchar perplexa, mirábanos a nós, miraba á porta aberta e baleira con desesperación.

 

comentarios (0)



0/5 (0 votos)