Entrar

 
usuario
 
 
 
Cerrar

registro




Idioma en el que deseas que Meubook se comunique contigo.

 
  • Identifícate
  • Regístrate

 

en

Operación pixama de corazóns - zapatillas violeta - bata de lunares. Capítulo 148

July 2, 2013 por Raquel Couto Antelo  

Capítulo 148. Agradar

Agradar: producir agrado, gusto ou satisfacción. A túa decisión agradoulles.

 

Fonte: Diccionario da Real Academia Galega. Editorial Galaxia, S.A., 2000... si, antes da nova normativa... que cartos tirados, dalgún xeito tiña que amortizalos porque non teño mesas que coxeen tanto, nin armarios... bueno, por fin lle atopei uso, aguantando da pantalla plana, que non sei que tanta falta de sitio hai que as teñan que facer tan planas...

 

 

Eu caín ó chan co susto, Froilán mirou ó vello, miroume a min, non sabía se rir, se coller medo, se saudar.

 

-      ¿Estás ben mulleriña? ¿Pero que vos pasou? Estades cheos de barro ¿andivestes a tombos? – preguntaba o home sen parar.

 

-      Non, collemos medo cando baixou a barreira, non contábamos con ela – explicou Froilán.

 

-      Ela vese fácil de escorrentar, pero un home grande coma ti... Ui, agora que o penso, se non contábades ca barreira é que sodes de fóra – púxose á defensiva o vello.

 

Froilán apuroume ca cella para que me erguese e case tirou de min para fuxir.

 

-      Claro que a xente de fóra non pode entrar aquí, así que debedes ser de dentro... – seguía co razoamento o home – pero se fósedes de dentro eu teríavos que coñecer...

 

O vello falaba cambiando a cara de alta desconfianza a cándida amabilidade. A Froilán tamén lle cambiou a cara, marchoulle o apuro e arqueaba as cellas aspirando paciencia, torcendo a boca para indicarme que o vello non debía andar moi ben da azotea. No que un e outro meditaban as súas conclusións erguinme e sacudín lixeiramente a terra da roupa, non saiu, enzoufeina máis, encollinme de ombreiros xogando a carta da inocencia para que non parecese tan malo.

 

-      Daquela ¿como pode ser? – rematou por fin o vello.

 

-      Igual se nos di onde estamos podémoslle aclarar se somos de fóra ou de dentro – dixen.

 

Froilán asasinoume, linlle claramente na mirada que acaba de admitir que éramos de fóra, aínda que a min non mo parecía, simplemente admitira que estábamos desorientadas.

 

-      ¡Aha! ¡Que boa idea!... Claro que é moi raro que non saibades onde estades se sodes de dentro... – O vello non se decidía.

 

Froilán erguiu os brazos ca desesperación e dou voltas de redor.

 

-      Non, verá, é que levamos un pequeno golpe e estamos desorientadas – tratei de levalo ó meu terreo.

 

-      Nese caso igual é mellor que vos leve á enfermería, os golpes na cabeza son moi malos – dicía o vello.

 

-      El débeo saber ben – rosmou Froilán na miña orella.

 

Agora fun eu a que lle arqueou a cella. O vello pasou entre nós e cando nos levaba uns pasos de vantaxe mirou cara atrás e fíxonos un aceno para que o seguísemos.

 

-      Veña, andade, a médica ten que vos mirar, os golpes na cabeza son moi malos – dicía.

 

Froilán ría polo baixo do seu propio chiste, a min dábame pena o vello e os seus delirios, pero tampouco podía evitar rir.

 

Atravesamos os campos de labradío que víramos regar por aquel artiluxio fantástico, camiñamos polo carreiro de dúas rodeiras no que durmíramos despois da viaxe, guiadas polo vello, acompañadas polas estrelas. Ou os ollos se nos afixeran á escuridade, ou a claridade era cada vez maior. O vello camiñaba a modo, pero con paso firme, facía un aceno cada vez que o aspecto do cultivo cambiaba, coma se estivese facendo de guía turístico explicándonos os detalles do entorno, aínda que non falaba, polo menos non en alto. Ó remate do camiño víase un edificio enorme, rodeado de luces, unha estructura que se me facía coñecida.

 

-      Eu coñezo isto – dixen.

 

-      Ben, ben, iso é que o golpe non foi tan forte ¿e ti? – preguntoulle a Froilán.

 

-      Non, eu non – respondiu.

 

-      Claro, é normal, es máis alto, caeches de máis arriba – razoaba.

 

Froilán mordía os beizos para que non lle escapase a gargallada.

 

-      Eu coñezo isto – repetín a punto dun ataque de pánico.

 

A forma de cárcere que adoptaba o edificio conforme nos achegábamos non me agradaba, resultábame demasiado familiar no sentido desagradable da palabra.

 

-      ¿Que é? – preguntou Froilán polo baixo.

 

-      Parécese ó edificio da fábrica – respondín – non estou segura, nunca o vin de tan preto...

 

-      A fábrica está do outro lado – dixo o vello con naturalidade – da moito que andar e non ule demasiado ben, e que o diga eu que ando co esterco decote xa se pode crer.

 

Froilán agarroume da man con forza, a entrada ó que o vello chamaba enfermería estaba cada vez máis preto e, de súpeto, as luces dábanlle un aspecto sinistro en lugar de claro.

 

-      ¿Corremos? – preguntou Froilán.

 

-      Non neno, non hai apuro, ademais igual che da vertixe e volves caer – recomendou.

 

Froilán mirábame fixamente para aclararme que se refería a correr para o outro lado, a fuxir. Díxenlle que non, tiña que haber unha razón pola que acabáramos alí e debía ser importante cando non puidera viaxar nun momento de estrés.

 

O edificio por dentro era máis tranquilizador, non parecía sequera unha instalación do governo. Era unha instalación pulcra, ben iluminada, silenciosa, moderna, operativa. O vello pasou polo arco de seguridade que había dividindo unha entrada ampla de mármore branco con debuxos en negros enmarcados en filigranas de metal dourado e unha parte que parecía máis reservada.

 

-      Veña, que non teña que tirar por vós coma se fósedes crianzas – rosmou o vello.

 

Seguino sen pensar, aínda ca sensación de que un raio infernal me ía partir en dúas ó non coincidir a miña información xenética ca recoñecida polo escaner. Froilán non parecía tan decidido, seguiunos porque non lle dou para soltar a miña man. Porén, non sofremos dano algún. Os corredores eran espaciosos, con portas pechadas todo ó largo, nin os nosos pasos rompían o silencio.

 

-      ¡Doutora! ¡Doutora! – berrou o vello.

comentarios (0)



0/5 (0 votos)