Entrar

 
usuario
 
 
 
Cerrar

registro




Idioma en el que deseas que Meubook se comunique contigo.

 
  • Identifícate
  • Regístrate

 

en

Operación pixama de corazóns - zapatillas violeta - bata de lunares. Capítulo 143

May 29, 2013 por Raquel Couto Antelo  

Capítulo 143. Tona

Tona: casca das árbores. A tona do piñeiro é moi decorativa.

 

Fonte: Diccionario da Real Academia Galega. Editorial Galaxia, S.A., 2000... si, antes da nova normativa... que cartos tirados, dalgún xeito tiña que amortizalos porque non teño mesas que coxeen tanto, nin armarios... bueno, por fin lle atopei uso, aguantando da pantalla plana, que non sei que tanta falta de sitio hai que as teñan que facer tan planas...

 

 

Para ser xusta teño que dicir que tampouco aspiraba a unha cea romántica que acabase nalgunha clase de ascenso.  Quizais si aspiraba a unha cea romántica, pero de xeito soterrado; ó comezo, o que buscaba, o que ela quería era saber máis del, porque lle gustaba, claro, aínda que non estaba disposta aínda a admitilo; ela diría que porque lle vía potencial como personaxe, porque era guapo, claro; porque tiña éxito, claro; porque tiña cartos, claro.

 

-      “Os solteiros máis desexados do país” – barallaba as opcións en alto – estará solteiro, non dixo nada de que estivese casado, a ver se me fan a bio rápido.

 

Pinchou varias veces enriba do icono de recibir do buzón electrónico para comprobar que non chegara nada, non pasara nin media hora des que lle encargara á fotógrafa falar co departamento de redacción. Erguiuse e dou unha volta pola oficina, non tardou en recibir unha chamada da secretaria sobre un asunto urxente e importantísimo que a tivo entretida toda a xornada e incluso de camiño a casa ate facerlle esquecer o tema César.

 

Dous días pasaron ate que un becario chamou con medo á porta axitando un papel.

 

-      ¿Que? – preguntou sen miralo.

 

-      Tráioche a “bio” que nos encargaches – tremáballe a voz.

 

-      ¿A bio? ¿Que bio? ¿A do tal César? A boas horas, menos mal que non era urxente, canta incompentencia – rosmaba unha Gloria que case nin lembraba o encargo.

 

-      Xa, é que me custou un pouco e... – desculpábase un becario ó que ninguén lle dixera como tiña que facer o traballo, nin cando o tiña que entregar.

 

Gloria fíxolle un aceno para que marchara sen erguer a vista, agarrando con ansia o documento.

 

-      “Nome completo, estado civil, data de nacemento...” ¡que novo! “socio fundador, membro do consello de dirección, propietario das patentes,...”, non está mal – revolviu na carpeta das fotos da festa – non está nada mal.

 

Mirou a composición do número que estaban preparando e non había ningún espazo libre. “Mellor” pensou, así tiña tempo de buscar unha lista completa de solteiros ó nivel do seu número un para que non se notara demasiado preparada. Tamén lle daba marxe para facer dunha simple lista de recheo o artigo central da revista, quizais a portada.

 

-      ¡Uf! A portada vai ser moito – freou a tempo a fantasía.

 

Na reunión houbo algún sorriso malicioso cando Gloria liu os contidos, só por parte do persoal máis antigo, das que aínda lembraban o éxito da primeira lista que fixera. Pero tampouco foron demasiado efusivas porque sabían que, mal que lles pesase, agora mandaba máis que daquela. E desta vez o éxito da lista non se reflectiu nunha cita, de feito César nin lle prestou atención, era Inma quen levaba conta desas cousas; desta vez o éxito da lista residiu na presentación en sociedade dun novo obxecto de desexo, e no conseguinte incremento das ventas; desta vez si que obtivo as felicitacións das altas esferas.

 

-      Había tempo que non facíamos unha segunda tirada – comentáballe Camelia – non se che pode negar o ollo clínico.

 

-      Non está mal, para que despois vaiades dicindo que estou onde estou porque me deito cos xefes – dixo Gloria con sorna.

 

Camelia non lle entrou, era das que o dicían e por moitos méritos que Gloria acadase non estaba disposta a emedar o diagnóstico, porque, no fondo, pensaba que ela o faría mellor.

 

-      Agora deberíamos aproveitar o tirón, non sei, igual facerlle unha entrevista a varias páxinas, as catro centrais ¿non che parece? – Gloria pediu confirmación máis que consultou.

 

-      Si, pero igual é mellor cebar un pouco máis a personaxe, se desvelas todo o misterio dun golpe acabas co filón – levaba a contraria Camelia por levar.

 

-      Non sei que che diga, se unha simple foto acompañada dunha breve biografía despertou tanto interese, igual unha entrevista completa cunhas fotos coidadas pega o pelotazo e engancha a máis público, non só a quen guste do seu físico senón tamén da súa forma de ser – Gloria defendía a súa posición.

 

Pero querendo manterse firme na súa postura non lle quedou máis remedio que seguir o consello de Camelia porque Inma tardou en convencer a César de que a entrevista era unha boa idea. E desde o punto de vista económico foi o mellor que puido facer, as ventas incrementáronse notablemente desde a publicación da lista, as cartas á directora aumentaron en número e en esixencia e, ademais César, que era de natural tímido, desapareciu da vida social xerando aínda máis ansia.

 

-      Dille que podedes elixir o equipo técnico, o emprazamento, e asegúrovos que non imos facer ningunha pregunta de carácter íntimo, vou facer eu a entrevista persoalmente para que non haxa sorpresas – prometía unha Gloria compracente.

 

Pero o derroche de amabilidade durante as negociacións pasoulle factura durante a entrevista; centrouse tanto en engaiolar á súa presa que esqueciu as maneiras ca persoa que fixera posible o encontro e, o que para os executivos cos que ela adoitaba tratar sería normal, foi o erro máis terrible que puido cometer ós ollos de César. Notouno, tarde, ó remate, cando recollían o material e se dispoñía a suxerir unha copa para agradecerlle as molestias.

 

-      Inma – dixo César ignorándoa - ¿acompañas ti a esta xente ate que rematen de recoller?

 

Inma asentiu, sabía que era unha pregunta retórica, notáballe as ganas de sacarse do medio e case llo agradeciu non o fose empeorar dicindo diante de algún micrófono unha inconveniencia maior das que xa dixera ó longo da entrevista.

 

A revista superou todas as previsións de ventas e, como ela previra, dou o pelotazo aumentando a ansia por coñecer a aquel empresario con pinta de axente do servizo segredo de xeito desproporcionado. Por desgracia para ela, abrira e pechara a porta do filón máis rendable que se lle ía presentar na súa carreira nun só movemento. Por sorte para ela, estaba igual de pechado para a competencia, César dera orde de limitar o contacto ca prensa á estricta comunicación corporativa e blindou a súa vida persoal baixo unha tona inaccesible.

 

comentarios (0)



0/5 (0 votos)