Entrar

 
usuario
 
 
 
Cerrar

registro




Idioma en el que deseas que Meubook se comunique contigo.

 
  • Identifícate
  • Regístrate

 

en

Operación pixama de corazóns - zapatillas violeta - bata de lunares. Capítulo 142

May 21, 2013 por Raquel Couto Antelo  

Capítulo 142. Satélite

Satélite: en sentido figurado pais, estado, etc., que está baixo a influencia política e económica doutro. Convertir un país en satélite doutro pode ser cómodo pero é inmoral.

 

Fonte: Diccionario da Real Academia Galega. Editorial Galaxia, S.A., 2000... si, antes da nova normativa... que cartos tirados, dalgún xeito tiña que amortizalos porque non teño mesas que coxeen tanto, nin armarios... bueno, por fin lle atopei uso, aguantando da pantalla plana, que non sei que tanta falta de sitio hai que as teñan que facer tan planas...

 

 

Traballando de becaria encargáronlle confeccionar unha desas listas que sacaban para encher o oco do medio entre dúas seccións fixas o día que o colaborador de turno se poñía en plan divo e reclamaba unha subida salarial.

 

-   ¿E de que a fago? – preguntaba unha Gloria primeiriza.

 

-   Do que queiras, das máis elegantes, dos máis atractivos, dos máis golfos ou das peor vestidas; déixoo ó teu criterio, se queres ser editora tes que aprender a tomar decisións – díxolle a xefa da que aprendiu o estiramento.

 

O número de aquela semana ía dun festival de cine co que case viña cantada unha lista das mellor vestidas da alfombra vermella; pero a unha Gloria con pouca experiencia e moitos fumes pareciulle demasiado obvia e optou por outra lista menos previsible. Foi unha decisión que adoptou con rapidez como a súa xefa lle dixera que debía facer unha futura editora, porén decidir o motivo da devandita lista foi máis a modo.

 

-      A ver, ela dixo os máis atractivos, os máis golfos... ummm, que complicado – pensaba en alto revisando o arquivo de fotografías da revista – que difícil – víñanlle as ganas dun doce.

 

Miles de fotos pasaron diante dos ollos de aquela Gloria aínda algo inocente. Para adiante, para atrás, xa nin as distinguía.

 

-      Se ó final vai ser mellor o máis obvio – rendiuse por fin.

 

Descolgou dilixente o teléfono para falar co departamento de redacción.

 

-      Son Gloria, preciso ver as fotos da alfombra vermella para fac... – dixo sen engadirlle un por favor, nin un bos días nin nada.

 

-      Que di que é Gloria e que quere as fotos do festival – falaban entre dúas co teléfono descolgado.

 

-      ¿E esa quen é? – preguntaba a outra.

 

-      Será a becaria, digo eu porque que eu saiba non contrataron a ninguén máis ultimamente – respondiu a que tiña o teléfono na man.

 

-      Pois dille que espere a velas na revista – soltoulle a outra.

 

-      Que as preciso para facer unha lista – berraba Gloria polo auricular.

 

-      Que di que vai facer unha lista – repetía a que tiña o teléfono na man.

 

-      Lista si que é ela, cólgalle – case ordeou a outra.

 

E colgou.

 

-      Pero mira que es mala, mandámoslle unhas copias e xa ¿non? – medio se ría a do teléfono.

 

-      Si, vai saber ti para que quere esta as fotos, para vendelas por aí, ou para colgalas en internet, que a estas espabiladas xa as coñezo eu – falaba a primeira sen apartar a vista da pantalla.

 

E Gloria viuse sen sequera o obvio para traballar, así que a súa mente áxil de supervivinte atopou a solución por ela.

 

-      Igual o orixinal está nas persoas que formen a lista – dixo en alto a brillante Gloria.

 

Pechou o arquivo de sociedade e dedicouse ó de economía, ó de sucesos, ó de investigación, mirou todas as fotos que había nos arquivos do grupo editorial unha por unha sen que se lle escapase nin un detalle. Nun papel anotaba as posibles listas que podía confeccionar, cas posibles fotos que podía incluír en cada unha delas. Ó primeiro saíanlle cousas ridículas, como os dez peores estilismos para entrar en prisión, ou as dez peores maneiras de non cruzar as pernas nun xuízo, ou as dez mascotas máis divinas.

 

-      Vaia merda – maldecía - ¿como era aquelo que lle dixo Camelia a...? ¡Ah! ¡¡¡As bio!!!

 

Apurou a buscar no directorio a carpeta que lle vira abrir a Camelia cando a xefa lle preguntara quen era unha rubia que ía co actor de moda. Por orde alfabética apareciu diante dos seus ollos un listado de perfís con todos os datos actualizados de toda canta persoa pasara algunha vez polo obxectivo das cámaras da empresa. Abriu dun golpe máis arquivos dos que podía procesar o ordenador. A primeira foto que apareciu foi determinante. Era dun home duns cincuenta e tantos chegando os sesenta e poucos, con notables signos de calvicie e onde non había os signos había canas... de profesión “directivo dunha multinacional”, riqueza estimada incalculable, tres exmulleres, dúas amantes oficiais, tres máis supostas, barco veleiro nas illas, mansión no estranxeiro. Si, pareciulle un perfil interesante. Para a súa sorpresa todos os documentos contiñan información igual de detallada, e sabía que era veraz, porque non había cousa que temesen máis que unha demanda. Buscou todos os homes que tivesen máis dunha ex, varias amantes e algunha propiedade no estranxeiro. Sentiu a tentación de titular o artigo “Os dez homes con máis satélites do país”, pero o seu instinto de editora dicíalle que a parte de ambiguo era un título sen chispa.

 

-      ¡Decidido! – berrou de emoción – “Os dez homes maduros máis desexados”.

 

Cadráballe máis a palabra interesante, pero a súa ética profesional non lla permitía usar con aqueles especimes. Desexados debían ser, igual non polo seu físico, pero sendo as fichas veraces, ter varias ex-mulleres e varias amantes sería indicativo de algún desexo razoou.

 

O ranking pasou sen pena nin gloria, non recibiu ningunha felicitación pero tampouco ningunha bronca. No seu interior sentía dado o primeiro paso cara o posto de editora xefa, non, as súas compañeiras daban cen pasos coma ese todos os días e seguían sendo axudantas.

 

-      Ven – chamouna a recepcionista.

 

Non as tiña todas consigo, temía que lle deran a patada, por contaxio máis que nada, porque a empresa tiña un convenio firmado ca universidade e saíalles máis a conta tela por moi inútil que fose.

 

-      Trouxeron este ramo para ti, hai unha tarxeta – sinaloulle con malicia.

 

Gloria liu o convite á cear sen recoñecer na sinatura o primeiro home que o ordenador mostrara ó descolgarse.

 



comentarios (0)



0/5 (0 votos)