Entrar

 
usuario
 
 
 
Cerrar

registro




Idioma en el que deseas que Meubook se comunique contigo.

 
  • Identifícate
  • Regístrate

 

en

Operación pixama de corazóns - zapatillas violeta - bata de lunares. Capítulo 141

May 14, 2013 por Raquel Couto Antelo  

Capítulo 141. Rafa

Rafa: parte branda do pan. A min gústame máis a codia ca rafa.

 

Fonte: Diccionario da Real Academia Galega. Editorial Galaxia, S.A., 2000... si, antes da nova normativa... que cartos tirados, dalgún xeito tiña que amortizalos porque non teño mesas que coxeen tanto, nin armarios... bueno, por fin lle atopei uso, aguantando da pantalla plana, que non sei que tanta falta de sitio hai que as teñan que facer tan planas...

 

 

Con todas as fotos enriba da mesa Gloria enfrontouse á complicada situación de decidir cal iría na portada. A reporteira trouxera un feixe de instantáneas perfectas cheas de luxo, glamour, beleza e bo gusto. Concentrábase barallando mentalmente as fotografías dentro da proba de imprenta mentres beliscaba a rafa do bolo de leite sorteando a tentadora codia cuberta de azucre tostado.

 

-   ¡Decidido! – berrou emocionada ó ver claro o dominical exposto nos mellores quioscos.

 

As compañeiras ergueron levemente á vista para confirmar que non era máis que o de sempre. Gloria emocionábase con facilidade cos éxitos, alterábase con facilidade cos fracasos, algún compañeiro diría que era unha muller fácil, algunha compañeira diría algo peor.

 

-   ¡Esta para a primeira páxina! – erguía unha foto no aire - ¡Esta para as páxinas centrais!

 

Despois da euforia do acerto analizou as fotos xa desde o punto de vista editorial, anotou no seu caderno salvavidas os nomes das persoas que irían ó pé; só as importantes.

 

-   ¡Cam! ¡Cam! – chamaba Gloria por unha compañeira de redacción.

 

-   ¿Que? – preguntou Camelia sen moito entusiasmo presentindo un rosario de interrogantes.

 

-   ¿Quen é este? – apuntou Gloria a un César que comezaba a figurar moito ó seu pesar.

 

-   ¿Cal? – preguntou de novo Camelia achegándose á mesa.

 

-   Este, o que está ó carón da loira – sinalou co dedo Gloria.

 

-   A loira é Esther Lestedo, a actriz esta que se está facendo famosa polos seus estilismos – respondiu Camelia tratando de desviar a atención da súa ignorancia.

 

-   ¿A ti que che parece? ¿Que traballo aquí porque me deito co xefe? – ofendiuse Gloria – xa sei que esta é Esther Lestedo, fixémoslle unha reportaxe hai dúas semanas.

 

Camelia calou por non dicirlle que non se deitaba co xefe porque á súa xefa non lle gustaban as mulleres e, tamén, a piques estivo de botarlle en cara que para facer a reportaxe tivera que pasar horas documentándose sobre a tal Esther porque nunca a vira diante.

 

-      ¡Este! ¡O home que está ó seu carón! Este tan elegante – golpeaba o índice a foto.

 

-      ¡Ah, ese! – tratou de poñer un ton consistente ca declaración previa de pensar que falaba da muller – Non será ninguén, algún ligue de Esther.

 

-      Non, Esther foi á festa con outro actorucho da súa serie – revolvía Gloria con ansia entre as fotos para demostrarlle que non mentía.

 

-      Pois non sei nena, será un empresario ou algo – desentendiuse do tema Camelia volvendo á súa mesa – pregúntalle á fotógrafa, seguro que o sabe – aconsellou para que non parecese tan brusca a súa indiferencia.

 

A fotógrafa non tardou moito, pensou que algo fora mal, que se borraran as fotos e que esquecera facer a copia de seguridade.

 

-      ¿Quen é este? – repetiu a pregunta unha Gloria que tocaba unha sentencia enriba da cara de César.

 

-      ¡Ah! Si, César, é un empresario de éxito de non sei que empresa que saiu dun taller de coches, non sei moito máis del, vino en varias festas ultimamente, está impoñente ¿a que si? – frivolizou a fotógrafa.

 

-      ¿Que? Ay non sei, nin me fixei, eu quero saber o seu nome para poñelo no pé, está demasiado enfocado como para ignoralo – Gloria medio despreciou o traballo da fotógrafa.

 

A fotógrafa levaba na revista tempo dabondo para saber que Gloria si se fixara, que non distinguía un desenfocado artístico dunha reportaxe sobre un evento de alto copete e que estaba onde estaba porque contentara a quen contentara. E non se enganaba, polo menos non de todo, igual non estaba preparada dabondo desde o punto de vista técnico pero tiña unha habilidade especial para facer composicións exitosas, des que a nomearan editora as ventas incrementáranse case nun trinta por cen; desde logo fora un acerto do membro do consello directivo que a propuxo, desde logo non a propuxo polos seus méritos profesionais, niso si que non se enganaba a fotógrafa.

 

-      Averigua quen é e dillo a redacción, fai unha pequena bio, ou que a fagan elas, non imos deixar que un detalle insignificante coma ignorar a un empresario que podería ser importante nos arruine a portada do ano – ordenaba Gloria coma a xefa que era, con certo desprezo, coma se o detalle non fose tan insignificante e descoñecer a aquel empresario que comezaba a despuntar na vida social fose o erro máis grave que profesional do medio algunha poidese cometer.

 

-      Vale, cóntolles o que sei e que a bio esa a fagan elas que desde logo non é o meu traballo redactar nada, nin averiguar máis do que preciso para fotografiar á xente correcta, cousa que por outra parte, fago á perfección – respondiu unha fotógrafa pouco impresionable afeita a xente con moitos fumes.

 

Gloria tamén chegara a ser a editora xefa por saber calar cando non había nada que dicir, recoñeciu que o enfrontamento ca fotógrafa non lle ía reportar máis satisfacción vía humillación e incluso podía minar a súa autoridade, así que preferiu ignorala ate que abandoou o despacho e, unha vez soa, descargou a frustación devorando a codia azucarada que descartara nun momento de cordura.

 

-      Pois si que está bo, esa lurpia sacoulle máis fotos que ó home da anfitriona, para min que sabe máis do que di – caía o azucre tostado enriba das fotografías.

 

Cando do bolo de leite non quedaba máis que as mans pegañosas de Gloria sacudindo as migallas na papeleira, non por consideración ca muller da limpeza senón para ocultar un vicio que lle parecía inconfesable e inadecuado, ocorréuselle a gran idea.

 

comentarios (0)



0/5 (0 votos)