Entrar

 
usuario
 
 
 
Cerrar

registro




Idioma en el que deseas que Meubook se comunique contigo.

 
  • Identifícate
  • Regístrate

 

en

octubre de 2013

Operación pixama de corazóns - zapatillas violeta - bata de lunares. Capítulo 158

October 15, 2013 por Raquel Couto Antelo  

Capítulo 158. Molete

Molete: peza de pan máis ben grande e con moito miolo. Trouxen dous moletes de Suso de Paiosaco contando que sobrase e non quedaron nin as migallas.

 

Fonte: Diccionario da Real Academia Galega. Editorial Galaxia, S.A., 2000... si, antes da nova normativa... que cartos tirados, dalgún xeito tiña que amortizalos porque non teño mesas que coxeen tanto, nin armarios... bueno, por fin lle atopei uso, aguantando da pantalla plana, que non sei que tanta falta de sitio hai que as teñan que facer tan planas...

 

 

No resto de departamentos non vimos gran diferencia, grandes instalacións con pouco persoal que nos deixou revisar o que a nosa curiosidade alcanzou e que respondiu o que a súa ignorancia lles permitiu.

 

Froilán calculaba de cabeza a extensión da área completa do que eu denominaba a “fábrica” mentres lle botaba a man a un molete no autoservicio baldeiro.

 

-   Isto non pode ser só unha fábrica. A fábrica orixinal debe ser o edificio que está máis preto da cidade, ten unha estructura distinta a estes, é máis pequeno e, ademais, está máis preto da cidade – razoaba.

 

-   Si, iso xa o dixeches – sen facerlle demasiado caso - ¿Sabes o que me preocupa a min? Que vimos todo o que había que ver e estamos nas mesmas.

 

-   Muller, algo máis sabemos; eu creo que ocuparon o pobo do lado, esta extensión non podía estar dentro dos límites da cidade, eu creo que é moito máis grande que a cidade, tería que miralo nun mapa – el seguía ó seu.

 

-   As lonxas – eu seguía ó meu.

 

-   Si, as lonxas tamén – seguía buscando o sitio no mapa - ¿que lle pasa ás lonxas?

 

-   Non había camións – respondín.

 

-   Pois se estás pensando en facer garda ata que apareza algún vaino sacando da cabeza – devoraba o pan – conforma co que nos ensinan, parece obvio que non imos chegar ó importante; aínda que por outra parte igual é interesante... ¿que che parece se en lugar de volver ó cuarto quedamos agachados polos campos?

 

Dicíao sen interese, coma se acabar co molete fose máis importante  que averiguar o que realmente fóramos averiguar.

 

-      ¿Tanta fame tes? Non hai cinco horas que comeches – rosmei.

 

-      Está moi bo – dixo.

 

-      Seguro que o envelenaron – díxenlle a ver se paraba.

 

-      Da igual, está moi bo – dixo ca boca chea.

 

De verdade que lle dou igual, non se erguiu da mesa ate que non quedou migalla, no sentido literal, arrepañou todos e cada un dos pequenos restos deixando na mesa as pegadas húmidas do seu índice ansioso. Saímos sen preocupacións, non volvéramos ver a garda vermella des que chegáramos, ninguén nos puxera impedimento. Froilán, porén, parecía agardar un ataque, non con medo, senón con esperanza. Miraba desde a distancia os altos muros que definían as instalacións. Eu miraba os cultivos extensos ante nós.

 

-      Non vaias tan lonxe – detívome Froilán – pouco imos ver desde aló. ¿Lembras onde estaba o almacén?

 

Certo que o obxectivo era ver se entraban camións e de onde viñan, cara onde ían, que transportaban. No departamento de Ventas ensinárannos unhas cifras marabillosas de ventas, pero non souberan dicirnos a onde ía a mercancía. O de loxística fora un pesadelo, ensináronnos as lonxas, os quilómetros de lonxas; os carrís polos que circulaban os pequenos vagóns transportadores, os quilómetros de carrís; pero a partir de aí ninguén sabía nada.

 

-      Por aquí – tirei del cara onde me parecía que podía estar o almacén, aínda que non estaba segura.

 

Non estaba segura pero acertei, desde a humidade do resío e desde a escuridade da noite vimos os primeiros camións chegar ó almacén. En silencio. Os conductores metían os camións marcha atrás na lonxa atravesando unha película escura que non deixaba ver o interior, a cabina quedaba fóra e baixaban fumar a un lateral da nave.

 

-      ¿Ves a matrícula? – preguntoume Froilán.

 

Mireino mal. O exterior da nave estaba iluminado, pero a distancia era considerable.

 

-      Temos que achegarnos, vendo a matrícula podemos saber de onde veñen – razoaba.

 

Achegámonos con coidado.

 

-      Un, dous, tres... cinco de fóra, os outros son de aquí – explicaba Froilán.

 

-      ¿Cal che gusta máis? – pregunteille.

 

-      ¿Queres roubar un camión? – preguntou de volta.

 

-      Eu pensaba só en ir de polizóns nun deles, parece a única maneira de saber o destino da mercancía – dixen.

 

Mirou ós camións como valorándoos, como tratando de elixir o mellor para averiguar a máxima información posible.

 

-      Mira – dixo tirando de min – alí hai máis.

 

Andivemos bordeando as naves e si, efectivamente, había máis, había unha extensión de cabinas de camións afundidas noutra extensión de edificios cunha pequena reunión de fumadores ó carón de cada un deles.

 

-      Nunca imos saber o que pasa aquí – lamentei.

 

-      Mira, aquel – emocionouse en baixo sinalando a un camión azul metalizado – ten a cabina máis ancha e un pouco máis alta, nalgunhas cabinas hai un pequeno sitio para durmir detrás dos asientos, aquel parece un deses. ¡Vamos!

 

Camiñamos a modo, tratando de evitar as luces que podían delatarnos, era imposible fixarse nas cámaras, só desexar que non se decatasen da nosa presencia ou que non lle desen importancia. A porta do camión estaba aberta, e tal como dixera Froilán, había unha especie de estante detrás dos asientos cunha manta e unha colchoneta. Encaixámonos como puidemos e agardamos.

comentarios (0)



0/5 (0 votos)

Operación pixama de corazóns - zapatillas violeta - bata de lunares. Capítulo 157

October 1, 2013 por Raquel Couto Antelo  

Capítulo 157. Logreiro

Logreiro: que fai préstamos cun xuro excesivamente alto e, xeralmente, ilegal. Por extensión, que se aproveita doutras persoas economicamente ou de calquera outra forma. Sentía a solución moi lonxe porque vía que só os logreiros recibían apoio.

 

Fonte: Diccionario da Real Academia Galega. Editorial Galaxia, S.A., 2000... si, antes da nova normativa... que cartos tirados, dalgún xeito tiña que amortizalos porque non teño mesas que coxeen tanto, nin armarios... bueno, por fin lle atopei uso, aguantando da pantalla plana, que non sei que tanta falta de sitio hai que as teñan que facer tan planas...

 

 

-      ¿E como o queren facer? – tremáballe a voz ó home.

 

-      Vostedes vaian contándonos o que fan e como o fan, despois xa veremos – esixín con voz de xefa logreira.

 

Non lle fixo falta máis explicación, nin realizou outra comprobación, tan só botou unha ollada de corroboración á xente que entrara detrás del e comezou a contartos ate o máis mínimo detalle o que facían na, ata daquela, misteriosa fábrica.

 

“Como xa saben, esta ala adícase á investigación no campo alimentario, fundamentalmente referida ós cultivos, clima, tempo de maduración, etc. Desde esta unidade – dixo o home achegándose ás máquinas que estaban no extremo da sala – contrólanse os campos, a temperatura ambiente, a luz, a humidade, as pragas... Nesta de aquí – a que estaba ó carón – contrólase o produto, o medre, a maduración...”

 

E así foi describindo as funcións de cada un dos bloques de máquinas que decoraban as paredes da sala de control e eu plantexábame se facer preguntas poría demasiado en evidencia que non tiña nin idea e tiraría por terra a tapadeira da inspección.

 

-      ¿Que tipo de cultivos? – preguntou Froilán sen complexos.

 

-      De todo tipo, según demande o mercado, os autóctonos facémolos nos campos, no exterior, quero dicir; os foráneos, cultivámolos no interior ate que conseguimos que a especie sobreviva – explicou o home.

 

-      ¿No laboratorio? – insistiu Froilán.

 

-      Si, claro – respondiu o home – despois, xa se comeza o seu cultivo no exterior.

 

-      ¿E que tal responde o mercado? – preguntei.

 

-      Non temos datos, iso terano que consultar no departamento económico – dixo o home.

 

-      Bueno, se estamos aquí será porque funciona ben – dixo a rapaza das gafas.

 

-      Si, claro – confirmou o home avergoñado por dubidar do sistema.

 

-      Non se preocupe, co departamento económico xa nos reuniremos máis tarde – soltei para restar tensión - ¿Desde cando traballa vostede aquí?

 

-      ¿Eu? – púxose nervioso – hai uns trinta anos, non sei, máis ou menos, non sei, comecei cando tiña vinte anos, os meus pais traballaban aquí...

 

-      ¿Que estudios cursou antes de entrar? – seguín co interrogatorio.

 

-      ¿Estudios? – case sofrendo un ataque de pánico - ¿como estudios? Fun aprendendo aquí, coma o resto.

 

-      Ben – zanxei, con ton de que iso era o que quería escoitar – revisemos o resto das instalacións.

 

O home sorriu aliviado, tanto que non dubidou un segundo en abrirnos toda canta porta atopou polo camiño. Polo que se deducía das vagas explicacións do home en bata branca, aquelas instalacións albergaban ó persoal que cultivaba os alimentos que abastecían a cidade, e con bastante probabilidade as exportacións, porque era imposible que obtivesen beneficios abondo da cidade para manter semellante despregue. Era interesante que as persoas con bata branca practicamente non abandoaban o recinto, nin parecían sequera botar de menos o exterior. Non parecían sentir, quizáis a xente máis nova, quen sabe, fóra non había moito máis, seguramente aínda menos.

 

Entrando na sala de control parecérame moita xente en bata branca, paseando polas instalacións, porén, era pouca. Á luz dos días os terreos cultivados eran inmensos e perdíanse no horizonte, a maquinaria era pesada; os laboratorios mantiñan a proporción, salas inmensas, algunhas con terreos e cultivos dentro con todo o que iso conlevaba en maquinaria, iluminación e espazo.

 

-      ¿Non hai máis persoal? – preguntei.

 

-      Non – dixo o home, desorientado de novo – nós, a doutora, o bedel...

 

-      Bueno, Íñigo... – medio riu entre dentes a rapaza das gafas.

 

-      Íñigo é o bedel – aclarou o home – leva moitos anos na fábrica, non ten unha tarefa específica, pero é importante para o desenvolvemento da actividade.

 

A rapaza volviu facer o xesto de risa entrecortada. O home non lle dou importancia.

 

-      ¿O resto do traballo faise de maneira mecánica? – preguntei.

 

-      Si, é un traballo bastante rutinario – dixo o home.

 

-      Non, referíame a se o desenvolven as máquinas – aclarei.

 

-      Claro, desde a sala de control como lles expliquei antes – púxose en plan profesor enfadado.

 

Froilán riu.

 

-      ¿A comida e a limpeza tamén? – subín o ton porque me pareciu mal que rira de min por meter a pata.

 

-      Si – dixo con timidez.

 

-      Nós non o facemos desde logo – rematou a frase a rapaza con gafas.

 

Curioso, asumían que todo o que non facían de por si o facían as máquinas.

 

-      Está ben, non ten maior importancia, ¿con que departamentos traballan máis directamente? – seguín.

 

Miráronse uns a outros, un barullo de preguntas polo baixo dou paso a un silencio sepulcral. O home que ía a cabeza miroume movendo as cellas nervioso.

 

-      ¡Cos que vos acabamos de ensinar! – enfurruñouse o home.

 

-      Referíase ó envasado, transporte, comercio – anticipouse Froilán.

 

-      Ah, claro, non sei, recibimos informes da consistencia dos produtos e tal, pero non sei, será o de envasado ese que dis...

 

comentarios (0)



0/5 (0 votos)