Entrar

 
usuario
 
 
 
Cerrar

registro




Idioma en el que deseas que Meubook se comunique contigo.

 
  • Identifícate
  • Regístrate

 

en

septiembre de 2012

Operación pixama de corazóns - zapatillas violeta - bata de lunares. Capítulo 110

September 29, 2012 por Raquel Couto Antelo  

,

Capítulo 110. Global outra vez

Global: considerado na súa totalidade, por enteiro. Xa se me volviu esquecer que elixira a palabra global.

 

Fonte: Diccionario da Real Academia Galega. Editorial Galaxia, S.A., 2000... si, antes da nova normativa... que cartos tirados, dalgún xeito tiña que amortizalos porque non teño mesas que coxeen tanto, nin armarios... bueno, por fin lle atopei uso, aguantando da pantalla plana, que non sei que tanta falta de sitio hai que as teñan que facer tan planas...

 

 

-  ¡Ola! – dixo Froilán mirando de reollo ó anaco de pan.

 

-  ¿Tivéchedes un accidente? – preguntou Hana.

 

Nós mirámonos sen saber a que viña a pregunta, ela notouno.

 

-  Non, dígoo porque traedes as costas cheas de barro – medio se riu.

 

-  ¡Ah! Non, andivemos polo solar da obra que hai á entrada da cidade, van facer unha fábrica aí ¿non? – aproveitei a ocasión.

 

-  Si, a ver se non tardan moito, eu botei o currículum, a ver se me collen – dixo emocionada.

 

E sen máis convite comezou a contarnos a biografía de César, a historia da fábrica, resolviu as nosas dúbidas dunha maneira global e sen interrupción.

 

-  Se queredes traballar podedes tamén podedes deixar o currículum no concello, din que van precisar moita xente, que incluso vai ter que vir de fóra. Tampouco creo que sexa para tanto, pero os meus pais din que vai ser bo para o negocio – erguiu as mans ensinándonos os seus dominios – eu pensei que eran trolas do alcalde, sempre anda inventando fantasías para as vellas, pero agora que fixeron o burato algo terán que poñer, digo eu.

 

Froilán agradeciulle que no medio do relato compartise unha bolsa de doces que sacou de debaixo do mostrador. Diría que incluso deixou de escoitar da ansia que lle poñía ó comer.

 

-  Eu marchaba se meus pais me deixaran algo de pasta, pero tampouco é que teñan moita, a tenda non da, se encontro traballo aforro e igual marcho – falaba ilusionada unha Hana que aínda non escapara da adolescencia.

 

-  ¿E o dono da empresa onde vive? – preguntei.

 

-  Está boísimo ¿a que si? – sinalaba a foto de César no xornal – dis que o alcalde lle regalou un piso aquí; pero vive na capital - ¡Que elegante é! - asombrábase facendo un comentario de vella.

 

Cando non quedou ningún doce na bolsa saímos á rúa deixando a Hana cos seus soños de viaxes ó extranxeiro e xefes elegantes.

 

-  ¿E agora? – preguntou Froilán.

 

-  Buscamos un sitio tranquilo e intentamos ir á capital, ou roubamos un coche e imos da maneira convencional, se ti sabes ir claro, porque eu non sei o camiño – dixen.

 

-  Buscamos un sitio tranquilo – miroume mal Froilán.

 

O sitio tranquilo foi o máis ou menos o sitio do noso chabolo, se a memoria non me fallaba alí tiña que estar, a distancia a costa e ó acantilado era a que lembraba. Facía sol e a temperatura era agradable, a fame sinalaba o mediodía. Froilán sentouse a carón e eu ó seu lado.

 

-  Espero que o tal César teña algo de comer – suplicou Froilán.

 

-  ¿A que agora non che parece tan disparatada a idea de delinquir? – sorrín.

 

Deitouse facendo que non me escoitara. Deiteime tamén. Só se escoitaba o río ó lonxe e os pequenos insectos xogando na herba. Sentín a mirada de Froilán analizándome o tempo que estiven desperta. Eu trataba de concentrarme na foto de César do xornal, non tardei en durmir. Non soñei.

 

-      Rita, desperta – dicía Froilán na miña orella.

 

-      ¿Que hora é? – preguntei ó ver a escuridade.

 

-      Non sei, creo que o conseguiches, polo menos non estamos no mesmo sitio, isto parece un garaxe – miraba de redor.

 

-      Temos que buscar un colchón ou algo para facer isto, cada vez dóenme máis os cadrís – queixábame.

 

Érquémonos e botamos a andar buscando unha salida. Efectivamente debía ser un garaxe, ulía a gasoil e víanse rodeiras no chan; porén, non había coches nin nada en realidade.

 

-  Esta porta non abre – forcexeaba Froilán nunha porta pequena que había nun lateral.

 

-  Pois o portalón non hai ser moito máis fácil de abrir – dixen para animalo a forcexear con máis ganas.

 

-  Igual si – respondiu el ó desafío mirando ós contrapesos que había nun dos laterais do gran portal metálico.

 

Achegouse, intentou alcanzalos dun salto pero nin el ca súa altura conseguiu alcanzalos.

 

-  Ven, tes que axudarme, se te agarro polos xeonllos creo que lle chegas – e dicíao en serio.

 

Non valiu de nada que calculase os metros de altura, nin que desconfiase da súa forza, agarroume polos xeonllos tal como me explicara e erguiume no aire. E si, alcancei os contrapesos do portal. Tirar deles foi máis difícil. Só me queixei unha vez.

 

-  Claro, é que se te agarro eu non fas forza, igual se te solto – non sei se ameazou ou deduciu Froilán.

 

-  Como me deixes aquí colgada verás – eu si que ameazei.

 

Non lle vin a cara, pero dábame que se estaba rindo, aínda que non me soltou. Cun pouco máis de insistencia o contrapeso comezou a moverse, e ó tirar un pouco máis baixou só facendo un ruído de falta de graxa. Froilán deixoume no chan con coidado e xuntos vimos que na rúa era de noite. Era pronto para afirmar que acertara co espazo e o tempo que procurábamos, pero polo menos podíamos dicir que non estábamos na cidade. O alumbrado funcionaba, as beirarrúas estaban limpas aínda que non demasiado. Nas casas non se vía luz polo que deducimos que era de madrugada.

 

-  ¡É el! – exclamei ó ver ó lonxe unha figura familiar.

 

Era César saíndo dun coche aparcado diante dun edificio de tres pisos. Escoitoume. Non se moviu, nin sequera intentou entrar de novo no coche. Mirounos.

 

-  ¿Estás segura? – preguntou Froilán.

 

César botou a andar cara nós, con paso firme, serio.

 

 

comentarios (0)



0/5 (0 votos)

Operación pixama de corazóns - zapatillas violeta - bata de lunares. Capítulo 109

September 23, 2012 por Raquel Couto Antelo  

,

Capítulo 109. Global

Global: considerado na súa totalidade, por enteiro. O custo global recaerá nos que o provocaron.

 

Fonte: Diccionario da Real Academia Galega. Editorial Galaxia, S.A., 2000... si, antes da nova normativa... que cartos tirados, dalgún xeito tiña que amortizalos porque non teño mesas que coxeen tanto, nin armarios... bueno, por fin lle atopei uso, aguantando da pantalla plana, que non sei que tanta falta de sitio hai que as teñan que facer tan planas...

 

 

-  ¿Que queres que che diga? – díxolle o xefe – a min dame igual unha cousa ca outra, o consumo de combustible volviu ó normal e, de momento, é o único do que teño que dar conta. Se non estás seguro déixao, non te amargues, colle un tempo para pensalo.

 

-  Si, esa é unha boa idea, igual só estou canso – dicía Froilán sen convencemento.

 

Pero non lle fixo falta, chegou á casa sentou no sofá frente a televisión e torcendo a mirada cara fiestra decidiu que non tiña nada que pensar, ía deixar ós de Torroal e buscar unha maneira mellor de colaborar. Esa maneira era a súa.

 

A ruptura con Siena pillouno por sorpresa; sabía, aínda que se empeñaba en facerse o duro, que era a muller da súa vida. Despois da tontería dos comezos decatouse de que a vida non tiña sentido sen ela, nin lle pasara pola cabeza formar unha familia ate coñecela; facíase o duro, si, pero perdela era inconcebible.

 

Tan mal lle pareciu que antepuxese ós de Torroal ó seu amor que nin se decatou, ate que foi demasiado tarde, de que non o fixera. Rompiu en mil e un anacos o corazón da súa amada sen saber que o facía; pensou que era el o atacado, o traizoado; pensou que fora el o abandoado. Mirábaa con frialdade ó coincidir nalgunha reunión. Facíase o duro, facía que lle daba igual, facía que tanto lle tiña. Por dentro, ese tanto facer crioulle unha amargura, un cinismo quizais. Non foi ó ver a Siena sorrirlle a algún espabilado, non. Foi a primeira vez que el lle sorriu a outra, sen decatarse esperaba o sorriso de Siena de volta e ó non atopalo doiulle, por fin lle doiu o erro. O orgullo desaparecera abrindo o telón da súa máis grande equivocación, deixando ó descuberto a perda, revelando a verdade.

 

Nin sequera tratou de encher ese baleiro, deixouno durmir so polas noites e polos días entretívoo cunha loita activa, como a que lle gustaba a el.

 

-  Non vaias ti so – pedíalle Carmela.

 

-  Teño que ir, ti non digas nada – case ordeou.

 

-  Non, tranquilo, por min non vai ser, pero se en tres días non volves aviso ó teu xefe, supoño que el te poderá sacar – dicía preocupada.

 

-  Non, hei vir antes, ti non lle digas nada a ninguén. Teño que ver como é a cidade, teño que velo cos meus ollos – razoaba Froilán.

 

-  ¿E que máis che dará a ti o que pase na cidade? Xa axudas no que podes ¿non? – falaba máis como nai que como irmá.

 

-  Teño que ir – zanxou Froilán.

 

Tiña que ir porque os de Torroal nunca lle deixaran facelo. Eles, no seu sentido común, facíano por evitar riscos innecesarios. El, na súa desconfianza, imaxinaba explicacións de enganos imposibles.

 

Arrimouse, nun primeiro momento, ós outros. Os outros eran aínda peor que os de Torroal, servíronlle para entrar na cidade, o único bo que lles atopou.

 

Diante da alambrada oxidada aprendiu a atopar os ocos do escudo invisible. Dentro da cidade non soubo se marabillarse ou espantarse. Igual alivio o comprobar que os de Torroal non lle mentiran, enganábanse nos métodos pero non mentían.

 

-  Hoxe imos quedar no piso franco, mañá preséntoche a algunha xente para que vexas como funcionamos – explicáballe Xan dos outros convencido que roubarlle un adepto ós de Torroal.

 

-  Está ben – aceptou Froilán.

 

Esa algunha xente non lle mereciu moita mellor opinión que os que xa coñecera. Máis medorentos aínda, máis cautos.

 

-  E os gardas trouxérono de volta para rematalo diante dos seus compañeiros, para que lles quedase claro que de aquí non se marcha – contaba contos de pantasmas un deles.

 

-  ¿E cando dis que foi iso? – preguntou un Froilán condescendente.

 

-  Xa hai – respondiu o outro – que saibamos non volviu intentar marchar ninguén. Non nos compensa.

 

-  ¿Non vos compensa? – erguiu a cella Froilán – non era o que esperaba escoitar.

 

-  Mira, eu, nós, intentamos solucionar isto; pero eu quero vivir, mal, si, pero vivir – explicaba o home.

 

Froilán comezaba a entender ós de Torroal, aínda que se negaba a crer que o que falaba representase o sentir dunha cidade que el esperaba máis pequena. E non se enganaba, non dentro, senón fóra, atopou unha sección máis acorde co seu xeito de ver as cousas.

 

-  Non facemos gran cousa, capturamos gardas amarelos – explicoulle Beatriz.

 

-  ¿Para? – preguntou Froilán.

 

-  Extraerlles información se a teñen, trocalos por alguén ou matalos – respondiu ela con frialdade.

comentarios (0)



0/5 (0 votos)

Operación pixama de corazóns - zapatillas violeta - bata de lunares. Capítulo 108

September 16, 2012 por Raquel Couto Antelo  

,

Capítulo 108. Frouma

Frouma: folla do piñeiro. Foi ó monte buscar unha pouca frouma.

 

Fonte: Diccionario da Real Academia Galega. Editorial Galaxia, S.A., 2000... si, antes da nova normativa... que cartos tirados, dalgún xeito tiña que amortizalos porque non teño mesas que coxeen tanto, nin armarios... bueno, por fin lle atopei uso, aguantando da pantalla plana, que non sei que tanta falta de sitio hai que as teñan que facer tan planas...

 

 

Fartárase de escoitar sempre o mesmo. El era un home de acción, practicaba todo tipo de deportes de risco, metíase en canta competición había e implicábase en canta causa coñecía. Lorenzo captouno nunha desas causas. Froilán tivera que ir á vila por traballo, foran en apoio do seu  servizo de garda costas, tiñan un silumacro de afundimento e querían asegurarse de que non pasase de aí. Unha vez finalizado tiveron unha cea e despois cada quen foi caendo por onde lle cadrou. Camiñando por unha rúa viu un cartel que lle chamou a atención.

 

-  Sempre están facendo reunións desas – dixólle un dos seus colegas da vila – polo da cidade, xa sabes.

 

Froilán sabía pouco do da cidade, o que lle escoitaba ós pais na casa, o que lía no xornal. Tivera, algunha vez, tentacións de entrar, de cruzar aquela alambrada oxidada, cuberta pola froma. Por sorte para un rapaz inconsciente os que ían con el dérono agarrado a tempo.

 

-  Eu vou ás veces, por se hai algo novo – seguiu contándolle o compañeiro – non o hai.

 

-  Si, iso me parecía a min, non sabía que se poidese facer algo – comezou a interesarse Froilán.

 

-  Home, algo sempre haberá que se poida facer, nunca se sabe – dixo o compañeiro sen demasiado entusiasmo.

 

Froilán anotou mentalmente a data e o lugar da reunión e apareciu por alí sen prexuízos, sen esperar moito, pero querendo saber o que tiñan que contar. A conferencia organizábaa unha ONG de defensa dos dereitos humanos e falaban dúas persoas que parecían coñecer de primeira man a realidade que contaban. Unha desas persoas era Lorenzo, a outra era a súa nai. Lorenzo soaba máis coma un político, non no mal sentido, senón que parecía estar afeito a impresionar a unha audiencia. A nai, porén, parecía máis sincera nas súas palabras, Froilán notoulle que vivira o que contaba. Quedou completamente fascinado pola paixón que transmitían, e máis aínda ca posibilidade de poder facer algo para solucionar unha situación que ata daquela consideraba perdida.

 

-  Ola, eu son Froilán – presentouse a Lorenzo ó remate da reunión.

 

-  Ola, gracias por vir Froilán – comezou Lorenzo – tes un acento familiar ¿es de aquí da vila?

 

-  Non, eu vivo no pobo, pero o outro día vin por traballo e pareciume interesante o tema este – explicou Froilán.

 

-  Ah, estupendo meu pai ten unha taberna enfronte, chámase Torroal, se queres pasa por alí e falamos con máis calma – ofreciu Lorenzo.

 

-  Si, igual paso, traballo cos garda costas e andamos dun lado para outro, pero gustaríame  axudar, no que poida, claro – dixo Froilán, pensando de verdade que igual non podía facer moito, pero querendo facer o posible.

 

A Lorenzo abríronselle os ollos ca alegría, non era o primeiro garda costas que se lle achegaba, na vila a xente era máis compremetida, polo menos desde o punto de vista da coloboración económica. Igual tamén tiña que ver con que era o país veciño e había esa tendencia a pensar que sabían arranxar os nosos problemas mellor ca nós.

 

-      Se traballas cos garda costas do pobo vasnos vir moi ben – admirou Lorenzo.

 

Integrouse cos de Torroal sen complicacións, non aportaba axuda financeira pero aforráballes centos de miles en transporte e, co tempo, conseguiu un certo compromiso de colaboración por parte do corpo, non oficial, por suposto, pero si de feito. En realidade ninguén vía ben o que pasaba na cidade pero a situación era cómoda de máis para resistirse.

 

E co tempo tamén, comezou a sentir a decepción, a súa xuventude non lle daba a paciencia precisa para entender que os cambios aínda lentos eran importantes. A decepción fíxolle pensar que non estaba no bando correcto, desconfiar das intencións dos de Torroal, ver nas súas regras un interés escuro. Nin Siena, a áncora que o mantiña na cordura, conseguiu convencelo.

 

-      Non lle deas tantas voltas, eles levan máis tempo ca nós, saben mellor o que fan – trataba de razoar ela.

 

-      Si, e se a cousa non cambiou por algo será – argumentaba – o momento foi cando caiu o goberno, ese era o momento.

 

-      Torroal viviu na cidade, nós non – Siena perdía a paciencia.

 

-      Xa, xa o sei, pero iso non quere dicir que teñan razón – comezaba a marcar distancias Froilán.

 

 

 

comentarios (0)



0/5 (0 votos)

Operación pixama de corazóns - zapatillas violeta - bata de lunares. Capítulo 107

September 9, 2012 por Raquel Couto Antelo  

,

Capítulo 107. Eclipse

Eclipse: fenómeno que consiste en quedar oculto á vista un astro, total ou parcialmente, por quedar tapado por outro. Hai eclipses de sol, eclipses de lúa e, despois, están o de corazón, que xa o dicía Bonnie Tyler.

 

Fonte: Diccionario da Real Academia Galega. Editorial Galaxia, S.A., 2000... si, antes da nova normativa... que cartos tirados, dalgún xeito tiña que amortizalos porque non teño mesas que coxeen tanto, nin armarios... bueno, por fin lle atopei uso, aguantando da pantalla plana, que non sei que tanta falta de sitio hai que as teñan que facer tan planas...

 

 

A Froilán encantáballe escoitar a súa nai dicir que nacera o día do eclipse, contaba como escureciu e ó telo nos brazos o sol brillou de novo. Era a historia que escoitaba nos primeiros anos de escola cando se enfurruñaba con algún amigo ou non lle saían os exercicios de matemáticas; despois, co tempo, un Froilán graúdo e simpático convertiuse nun rapaz grande e serio ó que un par de cabezas de vantaxe lle daba certa serenidade.

 

O gusto polo mar veulle do seu pai, mariñeiro dos de toda a vida que ansiaba para o seu fillo unha vida cómoda alonxada dos amenceres fríos da baixura, pero non contou con ese amor que se lle colle ó mar, con esa case necesidade. O corpo de Garda Costas era, porén, un mal menor, un soldo fixo cando menos. A un Froilán adolescente o que máis lle gustaba era a adrenalina e un uniforme que lle contaran que tiña moito éxito.

 

Siena apareciu na súa vida máis adiante, gracias a un arroaz despistado e a unha beca de prácticas. Seguramente foi un deses amores a primeira vista aínda que Froilán o retrasou todo o que puido.

 

-  Levas uns días tonto perdido – dicíalle Lorenzo véndoo despistado.

 

-  ¿Desculpa? – despertou Froilán.

 

-  Lorenzo estábache dicindo que hai uns días que andas na verza – ría Soa – espabilla antes de que veña o vello, ca mala hostia que ten bótate a patadas.

 

-  Si, e despois vai ir el a nado á vila – soltou un Froilán arrogante – por certo, o meu xefe di que nos temos que ir cortando, que gastamos máis combustible nun día que o corpo en todo o mes.

 

-  Dille que se enrolle, xa llo compensaremos – dicía Lorenzo.

 

-  Iso é o que dicides sempre, pero aínda estou esperando a que me deades algo de pasta para telo contento, é bo tío, pero ten o seu límite, aínda me van botar pola vosa culpa – roñaba Froilán.

 

-  Está ben, tranquilízate, iremos por terra, non pasa nada. Estes días só hai dúas manifas e organízanas os de aló, así que non teremos que facer viaxes – explicou Soa.

 

-  Non, o que quero dicir é que a partir de agora só se van facer cousas de emerxencia, paso de poñer máis a cara, ¡só casos de vida ou morte! ¿Entendido? – medio ameazou Froilán.

 

-  Reláxate home, buscaremos outra maneira, relaxámonos, como te tiñamos a man... pero xa está – tranquilizou Lorenzo – pero ¿ti estás ben, non?

 

-  Si, si – respondiu Froilán sen entender a que se referían.

 

Salvounos da súa cella que comezaba a facerse co control dos xuízos dun Froilán cada vez máis xuicioso, a entrada de Torroal.

 

-  Que ben que esteades aquí, teño que ir á cidade, dillo a túa nai – dirixíndose a Lorenzo.

 

-  ¿Agora? ¿Pero que pasaou? ¿Vou contigo? – interrogaba un Lorenzo nervioso.

 

-  Caiu o goberno – apuraba Torroal a preparar unha bolsa de emerxencia – quedei cos outros no pobo, ¿lévasme?

 

Froilán erguiuse esquecendo o discurso que lle acababa de botar ós seus compañeiros.

 

-  Claro, vamos – dirixíndose cara a porta.

 

Polo camiño explicoulle que houbera un alzamento, o primeiro goberno amarelo chegaba, por aquel entón, ó seu fin.

 

-  O eclipse pasou – emocionábase un Froilán optimista.

 

Torroal mirouno cos ollos da experiencia, sabía que se un caera había detrás outro que o empurrara para sustituílo. El tan só tiña a esperanza de que a carnicería non pillase a ningún dos seus.

 

-  Pero algo se poderá facer ¿non? – inventaba Froilán – este é o momento. Se, como dis, están na pugna aberta este é o momento ¿non? É agora.

 

-  Sería se a garda amarela non andivese polo medio, teríamos que ter un exército do noso lado e entrar na cidade xa; por desgracia para nós, o único que podemos facer e evitar que non morran máis dos que xa morreron – explicaba Torroal desencantado.

 

-  Así non se vai acabar nunca – sentenciou Froilán.

 

-  Os novos tedes moita forza, pero a experiencia ensinoume que a solución non pasa por un enfrontamento aberto, a ver se conseguimos o apoio de... – parou o discurso Torroal ó ver que Froilán deixara de escoitar.

 

 

 

 

comentarios (0)



0/5 (0 votos)

Operación pixama de corazóns - zapatillas violeta - bata de lunares. Capítulo 106

September 1, 2012 por Raquel Couto Antelo  

Capítulo 106. Doela

Doela: cada unha das táboas que forman as paredes curvas dun barril, pipa, tonel, etc. As doelas son xeralmente de madeira de castiñeiro, carballo ou moreira.

 

Fonte: Diccionario da Real Academia Galega. Editorial Galaxia, S.A., 2000... si, antes da nova normativa... que cartos tirados, dalgún xeito tiña que amortizalos porque non teño mesas que coxeen tanto, nin armarios... bueno, por fin lle atopei uso, aguantando da pantalla plana, que non sei que tanta falta de sitio hai que as teñan que facer tan planas...

 

 

-      ¿Sabes do que me acabo de decatar eu? – preguntou Froilán – de que volveches por min.

 

E díxoo sorrindo, podía ser que eu cambiase pero el tamén, quizais porque a última lembranza que tiña del era a do Froilán tranquilo da segunda vez, quizais porque lle pasara o enfado.

 

-      Xa che digo que me falta controlar a historia do destino – dixen medio rindo, medio non querendo admitir que me importaba.

 

A súa cella erguiuse aínda que el sorría con tenrura.

 

-      Non tanto; quero dicir, volveches ó goberno negro e ó cárcere onde estiveches, igual si podes controlar ir ós sitios onde estiveches antes, pero non ós que non coñeces – discurriu.

 

-      Ten sentido, pero o preocupante non é iso, o que me preocupa é que cando durmo podo aparecer en calquera sitio, sen querer, sen ter que ir, sen nada, vou tolear – dixen.

 

-      Sen nada seguro que non, seguro que hai un motivo polo que tes que ir a onde vas, o gran problema é que non poidas durmir ou que, como che dixo Raúl, te perdas nos soños – razoou Froilán.

 

-      ¿Que facemos agora? – preguntei.

 

-      Non sabemos onde estamos, por min esperamos a que se faga de día – dixo – hai estrelas e tal, pero non se ve nada e se hai toque de queda armámola.

 

-      Isto non parece a cidade – dixen mirando de redor.

 

Deitámonos a carón, o chan era de terra, Froilán ofreciume o seu peito para apoiar a cabeza e envolviume co brazo.

-  Se marchas, volve por min – dixo acariñándome o cabelo.

 

Sorrín, doume medo soñar e igual por iso non o fixen. O resío despertoume anunciando un día de sol. Erguinme tratando de liberarme do brazo de Froilán sen despertalo. Á vista só se vían paredes de barro e un ceo azul enriba de nós. Doume o pánico ó verme nun lago baldeiro que se podía encher en calquera momento. Botei a andar a carón dunha das paredes, o terreo era extenso, as paredes facían un rectángulo que asemellaba unha tumba xigante, nun dos lados había unha rampa.

 

-  ¿Que é isto? ¿O solar dunha obra? – preguntou Froilán ó meu carón salvándome de verme enterrada viva.

 

-  Pode ser, ía achegarme á rampa aquela – dixen sinalándoa – para ver o que hai enriba.

 

-  Andando – convidou Froilán.

 

A rampa era máis empinada do que parecía a simple vista, unha vez arriba deixounos ver a cidade ó lonxe. Era distinta, non, era igual pero estaba distinta. Era bonita, os catro edificios emblemáticos que se distinguían con facilidade lucían limpos e coidados, ó lonxe víanse as casas de pedra cheas de vida e cores.

 

-  ¿Non é a cidade? – preguntou Froilán.

 

-  Si – respondín – este debe ser o sitio da fábrica, temos que atopar a César.

 

-  Dixeches que non vivía na cidade ¿non? – dixo el.

 

-  Xa, pero se este é o sitio da fábrica aínda non hai límite. Podemos saír e entrar sen problema – argumentei.

 

-  O problema vai ser atopalo sen saber onde vive – baixoume da nube Froilán.

 

-  Podemos ir á tenda de Hana e Raúl, igual o saben – suxerín.

 

-  Si, podemos – aceptou sen convencemento.

 

Con algo de razón, teño que dicir, era perfectamente posible que aínda non estivesen nas casas de pedra; pero el tampouco podía ofrecer alternativas porque daquela aínda non tiñan os pisos francos.

 

-  Teño unha fame que non vexo – dixo Froilán – ogallá teñas razón e vivan alí.

 

Baixamos a modo, eu estaba despertando e Froilán levaba tempo sen comer. De preto a cidade non se vía tan perfecta coma de lonxe, notábase o abandoo nalgunhas cousas; porén, as rúas, as árbores e os edificios bonitos estaban coidados. A xente camiñaba tranquila e as crianzas corrían sen medo.

 

Diante da que coñecíamos como a tenda de Hana e Raúl tomamos alento e mirámonos conxurando á sorte.

 

-  Bos días – saudou unha Hana nova e sorrinte.

 

Eu miraba de redor tratando de recoñecer o local, Froilán fixara a vista nun bolo de pan que arrecendía detrás do mostrador. Non había xoguetes, nin zapatillas; no sitio había un barril de doelas de carballo, grelos, repolos e patacas, chourizos e xamón.

 

-  Bos días – respondín decatándome de que ningunha de nós lle devolvera o saúdo.

 

 

comentarios (0)



0/5 (0 votos)