Entrar

 
usuario
 
 
 
Cerrar

registro




Idioma en el que deseas que Meubook se comunique contigo.

 
  • Identifícate
  • Regístrate

 

en

enero de 2012

Operación pixama de corazóns - zapatillas violeta - bata de lunares. Capítulo 75

January 28, 2012 por Raquel Couto Antelo  

Capítulo 75. Sensacional

Sensacional: que causa sensación, que produce sorpresa, admiración, etc. A luz de aquela habitación é sensacional.

 

Fonte: Diccionario da Real Academia Galega. Editorial Galaxia, S.A., 2000... si, antes da nova normativa... que cartos tirados, dalgún xeito tiña que amortizalos porque non teño mesas que coxeen tanto, nin armarios... bueno, por fin lle atopei uso, aguantando da pantalla plana, que non sei que tanta falta de sitio hai que as teñan que facer tan planas...

 

 

 

-     Non, en realidade non, eu non levo ese tema, son cousas vosas – dixo Hugo porque era certo e porque lle notou a ansia a Cira e decidiu divertirse un tempo.

 

Cira picouse, estaba na pista de despegue do seu alarde e en lugar de abrir as alas e voar tivo que aniñar de novo. Pero tampouco foi un golpe que a destruise; foi un golpe que a motivou. Descubriulle un atractivo máis, a inaccesibilidade. Non era, pero a ela pareciullo.

 

-     Ah, é normal – desculpou Cira – eu tampouco sabía disto ata hoxe.

 

-     ¿Do sitio queres dicir? – preguntou Hugo impoñéndolle un si.

 

-     Si, claro, do sitio e de ti – respondiulle Cira, que tamén sabía notar a ansia.

 

E nese momento comezou un tirar e afrouxar entre os dous, unha competición sensacional entre dous egos esaxerados, un algo que procuraron facer en privado. El pola moza, ela para que non se lle adiantase outra.

 

Fran foi, nese tempo, o cómplice que os dous precisaban. Era o que traía e levaba as informacións dun a outra e de outra a unha; e mentres el escalaba posicións. Sal gustáballe, levábanse ben e fóra das súas inseguridades non tiña maiores defectos; pero o que se di namorado, non estaba seguro de estar. El arrimouse, fora á festa porque o convidara unha amiga dun amigo de Nico. Chamoulle a atención o interese que tiñan por buscarlle un mozo a Sal. A súa amiga dixéralle que a festa era para celebrar un cumpreanos e que cantos máis mellor; pero non tardou en correr o conto de que lle andaban buscando mozo. Non estaba mal. Cruzaron unhas miradas, pero Sal estaba máis pendente de Hugo que del, así que cambiou de obxectivo. Da festa sacou tres cousas en limpo. Unha noite sensacional cun home interesante. Un futuro Sal para compartir gastos. E un obxectivo.

 

El traballaba para os outros; formaba, xa daquela, parte do equipo de contactos. Xogou, nos primeiros anos do goberno amarelo, un papel importante sacando a xente máis buscada. Algúns dos do goberno vermello, algúns non moi recomendables, pero quen sabe se foi o correcto. Porén, aínda tendo en conta o que se arriscaba, aínda contando ca xente ca que trataba, aínda con todo aquel home descoñecido recibía máis atención ca el. A el nunca lle fixeran festas por nada, non lle buscaban mozo cando se sentía abandonado, nin un ligue esporádico que enchese as súas necesidades. Pero aquel Sal, que nin del sabían, recibía todas as atencións.

 

Despois de aquela noite, ca calma que lle daba o seu carácter, buscou nas oficinas de correos polo tal Sal. Botou un día enteiro pensando a quen escribirlle ate que caiu na conta de que as podía mandar a el mesmo. Tres eran as oficinas que el lembraba; sabía que non traballaba na que tiña máis preto da casa porque tiña a todo o persoal controlado; e aínda así, foi. Nas outras dúas tampouco tivo sorte, ningún dos que atendía era el. Pensou que igual escoitara mal, que igual nin a festa tiña que ver co que lle dixeran. Esqueciu o tema ate que volviu a coincidir ca súa amiga.

 

-     Ai non sei, a min dixéronme que era un cumpreanos – dixo a amiga disimulando.

 

-     A ver, que non che estou botando a bronca ¿ti sabes quen é o tipo? – preguntou Fran.

 

-     Non sei, a min dixéronme que Hugo lle quería buscar mozo e pensei en ti – dixo a amiga – pero pregunteille antes se estaba bo, que conste.

 

-     Non, que non me estou queixando, que me gusta, por iso che preguntaba – deixou caer Fran.

 

A amiga abriu os ollos encantada, pensou que fixera algo ben e soltou todo o que sabía.

 

-     Nico díxonos que o tal Sal estaba a dúas velas e que non se “concentraba”, a Hugo dáballe a impresión de que se estaba colgando por el e non quería que sofrese – explicou a amiga.

 

-     E tanto, non lle quitou ollo en toda a noite – dixo Fran.

 

-     Xa, decateime, pero como despois pillou... – dixo a amiga.

 

-     ¿E que tan importante é para que o mimen desa maneira? – preguntou Fran.

 

-     Dis que traballa en correos – explicou a rapaza.

 

-     ¿En que oficina? – aproveitou Fran.

 

-     Pois si que che gustou, non vaias ó traballo non a lies – advertiulle.

 

-     Non ¿que cres? ¿que nacín onte? – ofendiuse Fran, aínda que si tiña pensado ir ó traballo.

 

 

 



comentarios (0)



0/5 (0 votos)

Operación pixama de corazóns - zapatillas violeta - bata de lunares. Capítulo 74

January 22, 2012 por Raquel Couto Antelo  

Capítulo 74. Recachar

Recachar: abrir moito os ollos, con atención e agudeza pero non con sorpresa. Recachou os ollos ó abrir o envoltorio e ver o calendario dos bombeiros.

 

Fonte: Diccionario da Real Academia Galega. Editorial Galaxia, S.A., 2000... si, antes da nova normativa... que cartos tirados, dalgún xeito tiña que amortizalos porque non teño mesas que coxeen tanto, nin armarios... bueno, por fin lle atopei uso, aguantando da pantalla plana, que non sei que tanta falta de sitio hai que as teñan que facer tan planas...

 

 

Cira recachaba os ollos sen pestanexar cando me viu entrar con total normalidade ó día seguinte. Clara, pola contra, respirou aliviada ó ver que, en apariencia, a súa visión non fora real. Desconfiaba, claro que desconfiaba, pero eu actuaba con tal naturalidade que non deixaba sitio ás dúbidas sen fundamento.

 

-     Dígoche que está aquí – berraba en baixo Cira falando con Hugo por teléfono.

 

-     Cira, iso non é posible – insistía Hugo – dígoche que non é posible, os outros dixeron que estaba fóra, deixa a liña libre, ven despois e falamos.

 

-     Vale – dixo Cira con emoción entrecortada.

 

Entrecortada por non conseguir que se detivese o mundo por unha palabra súa. Emocionada por quedar con Hugo despois. A súa estratexia de aproximación funcionaba como a deseñara. Sabía, pensaba, que Hugo a miraba con bos ollos; tardou en caer, custoulle chegar a el. Vírao por primeira vez nunha reunión da organización á que ela non estaba convidada. Entrara con medo, temendo que alguén a botase. Contara ca axuda cómplice de Fran. Faláralle do “bo” que estaba Hugo e do “interesante” que era.

 

-     Sal di que entende, pero eu creo que non, o que pasa é que sabe como conseguir o que quere, non sexas tonta, ven e coñécelo – ofreciulle Fran.

 

Non era que tivese moita necesidade, o que tiña en abundancia era ambición e non da boa precisamente. Tal como llo describía Fran, Hugo era o xefe ó que todos lle facían reverencias. Imáxinabase do seu brazo, gobernando, vendo como todos lle obedecían e, sobre todo, vendo como nós lle obedecíamos. A ela, non a él.

 

Cira non era desas que idolatraban á súa parella, non, ela era máis das que parasitan do seu poder. Intentárao por si mesma, pero faltáballe ese don de xentes, ese embaucar que todo líder debía ter. Sen dúbida a ela faltáballe, era complicado saber por que a aguantaban os que a aguantaban, case sempre homes, pero non era por ese don de xentes, seguro.

 

-     ¿E se me din algo? – pregungou Cira indo de inocente.

 

-     Non jodas tía, ves onda min, e xa está – solucionou Fran.

 

Pero Fran tivo que atender outro asunto. Cira buscouno con certo desespero. Enfadouse para dentro. Razoou. Sentou nunha discreta penúltima fila tratando de comportarse con naturalidade. Non lle foi difícil, ninguén falaba, ninguén se miraba.

 

-     E cando fala engaiola – seguía Fran como se levase comisión.

 

-     Pero ten moza ¿non? – preguntou Cira.

 

-     Si – respondiu Fran cun suspiro.

 

-     Claro, é que tendo moza... – deixou caer Cira con lástima buscando insistencia por parte de Fran.

 

E tívoa. Fran case non a coñecía, coñecera de pasada á anterior e non daba acertado a entender como atopara outra en tan pouco tempo se o home vivía case exclusivamente para a organización e a muller non era coñecida no gremio. Cando a viu pareciulle pouco, a anterior non era moito máis, pero esta era pouco. Parecía unha nena consentida que non sabía falar por ela. Presentáranlla unha vez, non dou levantado a cabeza para saudar e falaba con Hugo ó oído. Si, unha nena consentida gardada no corpo dunha muller. Así lla describiu a Cira. Aínda que esta descripción lonxe de axudala presentoulle un dilema: ¿sería ese o tipo de muller que lle gustaba e polo tanto tería que moderar o seu carácter? Ou ¿resultaríalle máis atractiva ó mostrar máis carácter?

 

Recoñeciuno de inmediato, Fran fixéralle un debuxo calcado. Falou captando toda a atención do público. Toda a da Cira, e Cira a del. Coñecía a todos e os ollos case se lle foron sos cara ela. Como cara todas as novas, tampouco facía falta ter nada especial.

 

-     ¿E ti quen es? – preguntou Hugo poñéndose serio.

 

-     Non, ninguén – respondiu Cira botando man da falsa modestia.

 

-     Muller, alguén si que es – Hugo despregando os seus encantos - ¿viñeches con alguén?

 

-     Non, vin soa – respondiu Cira, facéndose a indefensa.

 

-     ¿E quen che dixo do sitio? – interrogou Hugo.

 

-     Fran - respondiu Cira, comezando a facerse notar.

 

-     ¡Ah! Fran ¿coñécelo logo? – segiu Hugo.

 

-     Si, traballamos xuntos, eu son un contacto, xa sabes – explicou Cira, facéndose a interesante por fin.

 

 

comentarios (0)



0/5 (0 votos)

Operación pixama de corazóns - zapatillas violeta - bata de lunares. Capítulo 73

January 15, 2012 por Raquel Couto Antelo  

Capítulo 73. Quebrantar

Quebrantar: facer feble ou máis feble algo. Ninguén consegue quebrantar a súa moral.

 

Fonte: Diccionario da Real Academia Galega. Editorial Galaxia, S.A., 2000... si, antes da nova normativa... que cartos tirados, dalgún xeito tiña que amortizalos porque non teño mesas que coxeen tanto, nin armarios... bueno, por fin lle atopei uso, aguantando da pantalla plana, que non sei que tanta falta de sitio hai que as teñan que facer tan planas...

 

 

-     Aí foi cando empezamos a notalo – aclarou Hana.

 

-     Non, aí é onde situamos o comezo das cousas raras, se o notásemos daquela igual a cousa era distinta – dixo unha das mulleres.

 

-     Si, o que di Victoria – dixo Raúl medio ignorándoas – varios de nós traballamos na fábrica; Vigo, por exemplo, estivo presente nas reunións do cambio de suministro.

 

-     Non tiña por que ser algo importante, non houbera un cambio tan grande na fábrica, polo que dicían todos, eu acababa de chegar coma quen di; pero non debía ter máis importancia, o suministro enerxético, tal como ía subindo a electricidade...

 

-     Antes funcionaba con gasóleo, decidiran pasar á electricidade como paso intermedio para a enerxía eólica; as instalacións eran moi parecidas, e a instalación eléctrica permitía aproveitar parte da de gasóleo; é dicir, dividía o custo da renovación en dúas fases, primeiro a adaptación á electricidade e despois á eólica. Dáballe a empresa uns anos de marxe para amortizar os custos – dixo un home.

 

-     Narciso traballa no departamento de Infraestructuras e Instalacións – aclarou Raúl – a todos nos pareciu unha solución lóxica, aforraba custos, reducía a contaminación, limitaba a dependencia dos combustibles fósiles... e sobre todo evitaba a reducción de custos por outra parte.

 

-     Despidos – dixo Vigo.

 

-     Levaban meses ameazando aínda que nunca o puxeron enriba da mesa con claridade; a nós preocupábanos, esta é unha cidade pequena, no mellor dos casos teríamos que emigrar, o núcleo industrial máis próximo estaba a uns 70 quilómetros, que non será moito agora, pero antes as comunicacións non eran boas e non porque houbese bloqueo nin nada, estamos nun val, rodeado de montañas, e a fábrica foi o mellor que nos pasou. Bueno, isto imaxino que xa o saberás – dixo Raúl mirándome.

 

Da fábrica sabía pouco, era un edificio siniestro que parecía máis un cárcere pola alambrada de espiños que a rodeaba que unha fábrica. Ninguén que eu coñecese sabía que se fabricaba alí, ninguén que eu coñecese traballaba alí. En realidade, ate o momento en que a mencionaron non a considerara unha parte importante de nada.

 

-     ¿Que se fai na fábrica? – preguntei.

 

-     ¿Como que “que se fai na fábrica”? – repreguntou Hana - ¿de que vivides vós daquela?

 

Encollinme de ombreiros, vivíamos do que nos pagaban, pensándoo ben era raro que poidésemos vivir de traballar en economatos e restaurantes e ¿de onde saían todas esas cousas? ¿como podíamos vivir sen que entrasen cartos de fóra nin...? En dúas frases quebrantaron os meus esquemas, decateime de que non sabía nada, de que non me preocupara nada, centrárame en buscar unha boa excusa para evitar os controis da garda amarela e seguir os protocolos de seguridade da organización. Era unha ignorante coma o resto da poboación da cidade, non era mellor, era unha completa ignorante.

 

-     Hai varias divisións, a máis forte é a de fabricación de bens de equipo, maquinaria para outras cadeas produtivas – dixo Raúl.

 

-     Estas van todas para a exportación – aclarou Vigo con retranca – aquí non hai quen poña outra fábrica para venderllas.

 

-     E despois hai unha división secundaria de bens de consumo – seguiu Raúl – envasado de alimentos, produtos químicos de limpeza e cosmética, tecidos.

 

-     Esta foi máis unha ida de pinza dalgún executivo que unha decisión empresarial – interviu o tal Narciso – supuxo un custo enorme adaptar a maquinara, cumprir os requisitos legais, a formación dos técnicos; eu sitúo aí o comezo dos problemas económicos da fábrica, é que non tiña sentido.

 

-     Fose o que fose a nós gustounos, naquel momento traduciuse en máis traballo e a nós gustounos; tanta culpa é deles coma nosa – razoou Raúl – total, estábamos ben, cos problemas cotiáns que hai en todas as fábricas, cos problemas que hai en todas as cidades, o normal.

 

-     Nas reunións onde nos informaban cando se ía facer o do cambio participaron todos os entes, o goberno, a empresa, claro, todos – dixo Vigo – e ninguén parecía ter intencións escuras, o goberno conceduille a subvención á empresa e...

 

-     ¿Que goberno era? – preguntei.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

comentarios (0)



0/5 (0 votos)

Operación pixama de corazóns - zapatillas violeta - bata de lunares. Capítulo 72

January 10, 2012 por Raquel Couto Antelo  

Capítulo 72. Pugna

Pugna: Oposición enérxica entre dúas ou máis personas ou grupos, na que cada un aplica o seu esforzo contra os outros, por conseguir algo que todos pretenden. A pugna entre os dous candidatos non foi limpa.

 

Fonte: Diccionario da Real Academia Galega. Editorial Galaxia, S.A., 2000... si, antes da nova normativa... que cartos tirados, dalgún xeito tiña que amortizalos porque non teño mesas que coxeen tanto, nin armarios... bueno, por fin lle atopei uso, aguantando da pantalla plana, que non sei que tanta falta de sitio hai que as teñan que facer tan planas...

 

 

-     Si, a miña idea é moi simple, volver ó comezo e evitar que pase o que pasou – dixen.

 

-     Simple é – riu Vigo.

 

-     Si – dixo Hana con desilusión.

 

-     Bueno, igual funciona – dixo Raúl.

 

-     Si, decepcionante, pero igual funciona – dixo unha das mulleres – comprende que esperásemos máis de alguén que ven do futuro.

 

-     Pois é o único que teño – dixen – non sei se podo confiar en Froilán, creo que non; así que, ademais de ser o único que teño, veño soa.

 

-     Xa – dixo un home.

 

-     Pero se nos enseñas o de viaxar, podemos ir contigo – suxeriu Vigo.

 

-     Iso pode levar algún tempo máis do que eu esperaba, Froilán... – intentei explicar.

 

-     Temos que averiguar con que sección da resistencia contactou – interrumpiu outro dos presentes.

 

Acordaron, case por unanimidade, contactar cas seccións que coñecía cada quen. Había que facelo con discrección, non querían levantar a carta da miña visita antes de que eles levantaran a de Froilán.

 

-     Pero ti non tes porque volver onda el – dixo unha muller – podes quedar con calquera de nós.

 

Era certo, pero non quería volver a facerlle unha putada. Ou iso ou algo peor no que non tiña intención de afondar naquel momento.

 

-     Non me interesa abrir tantos frentes fóra do meu territorio – eu -  se non me queredes contar como e cando comezou isto, busco por outro lado.

 

-     Non, espera – esaxerou Hana – non é iso.

 

-     Comprende que nos queiramos involucrar – dixo a muller de antes – es o máis extraordinario que nos pasou en tempo.

 

-     Si, nós non somos dos que quedan mirando como pasan as cousas – dixo un home case desde a porta.

 

Torcín a cabeza cara el e mireino con certo desprecio. ¿Cómo podía dicir que non era dos que quedaban mirando? ¿que tanto fixeran que tiña que ir eu cara atrás para paralo?

 

-     Xa – dixen por fin.

 

-     Non, non digas “xa” perdoándonos a vida – atacou o home.

 

-     Igual che parece pouco, pero é o que podemos facer e ademais somos os únicos que estamos facendo algo – Vigo.

 

-     Bueno, mirado doutro xeito, se non saben de nós no futuro igual é porque non estamos – lamentou Raúl sentenciándoos.

 

-     Ou porque vos acomodástedes – dixen.

 

-     Cando ti poidas compoñer o xoguete que che dei permitireiche que nos fales así – ameazou Hana – mentres fálasnos con respecto. Non viaxaremos cara atrás nin cara adiante no tempo e igual non soñamos coma ti. Pero aquí matan xente, mataron a moitos amigos, ás nosas familias. ¡Ten algo de respecto!

 

-     Esa historia xa a sei, o que non sei é canto tempo teño, nin se me ides matar á saída, se os da resistencia están do meu lado, ou se a viaxe no tempo afecta ó meu organismo ou de que xeito o fai; e como non sei nada estoume poñendo nerviosa, porque eu tamén teño familia, porque tamén vin morrer xente e porque vin por axuda non por sermóns, nin a aplaudir o voso autobombo.

 

-     Será mellor que nos tranquilicemos, enfrontándonos non chegamos a ningures, se o que che interesa é o que nós sabemos contámoscho – intermediou Raúl – só esperamos que a cambio compartas o que ti sabes con nós.

 

-     Xa vos dixen que si – confirmei case amezando.

 

-     Non sabemos os pormenores, como poderás imaxinar – comezou Raúl – contarémosche o que vivimos, o que escoitamos e o que fomos encaixando como puidemos porque o hermetismo é total. A pugna polo poder, a pugna aberta quero dicir, comezou despois do cambio de suministro enerxético da fábrica.

 

 

 

 

 

 

comentarios (0)



0/5 (0 votos)