Entrar

 
usuario
 
 
 
Cerrar

registro




Idioma en el que deseas que Meubook se comunique contigo.

 
  • Identifícate
  • Regístrate

 

en

Todos los blogs

Operación pixama de corazóns - zapatillas violeta - bata de lunares

January 5, 2011 por Raquel Couto Antelo  

Capítulo 18. Necesidade

Necesidade: carencia do indispensable. Pasa moita necesidade.

Fonte: Diccionario da Real Academia Galega. Editorial Galaxia, S.A., 2000... si, antes da nova normativa... que cartos tirados, dalgún xeito tiña que amortizalos...

En canto botamos a andar esquencéronselle os prexuízos sobre a miña indumentaria e so se preocupaba de andar lixeiro e cara adiante. As miñas zapatillas de flores non resultaron moi axeitadas ó comezo, pero despois duns quilómetros de pedras mal feitas e pólas rebeldes afixísenme ó camiño e deixei de pensar no meu vestuario tamén.

Na miña triste ignorancia pensaba que as afóras da cidade, o mar, o noso destino estaba preto, á carreira dun can; pero o día ía avanzando, e conforme a noite ameazaba eu ía mirando a bolsa de Damián con máis avidez. Esperaba que na súa infinita previsión lembrara botar algo de comer, ou aínda que fose algo de beber. Porriba o ruído da auga do río invisible pola maleza non facía máis que aumentar as miñas necesidades. Levar un heroi diante non facilitaba as cousas, un que non coñecía nin sequera o significado da palabra necesidade. Pero tamén dou igual porque non paramos para durmir, nin para descansar un minuto sequera e o máis curioso de todo é que unha vez deixei de sentir os pés, as pernas e o estómago seguín andando ca mesma decisión que Damián.

Nós avánzábamos e a maleza ía desaparecendo, e o monte convertíase nun bosque frondoso de camiños alfombrados amablemente polas follas das árbores, o río soaba máis preto e máis amable e o aire ulía cada vez máis a flores doces. E a luz da mañá foi borrando a dor e a necesidade e móstrándonos unha paisaxe distinta. Si, eran árbores, pero distintas.

O río foise ensanchando e aló polo mediodía, co sol facéndose camiño entre as nubes Damián parou de andar, volviuse cara min, dou unha volta de redor e deixou a bolsa no chan.

- Eu vou tendo fame – dixo tan tranquilo.

Porque non me contara con exactitude o que soñara que se soubese todo o que tiña que saber acababa no río, “eu vou tendo fame”.

- Podemos parar e comer algo, xa me van doendo os pés – dixo outra vez.

“Xa me van doendo os pés”... a cabeza de pensar non.

- Se non che importa paramos ¿vale? – e seguía falando.

Eu non, que coño lle ía dicir, tiña os ollos tan encendidos de carraxe que se me nublaba a vista e nin sabía onde tiña as mans para arrearlle o par de hostias que ganara.

- Só trouxen un paquete enerxético – comentaba mentres rebuscaba na bolsa.

O do calzado pase, o da roupa tamén, pero que o desgraciado aspirante a heroi aquel me dixese que ía pasar fame e sede porque non me dera a gana de ir á miña casa cando fora el o que medio me secuestrara e arrastrara a unha fuxida que non tiña por onde rematar ben, porque o mar aínda non aparecía e volver á casa no suposto caso de soubese como íame supor a morte...

- ¡Pois vaino repartindo ou trouxeras máis! – ordeei.

Miroume cos ollos abertos de medo e sen sacar as mans da bolsa partiu o paquete enerxético. A barriña de comida, a bebida ofreciuma sen abrir, e sen condición de deixarlle a metade convidoume a beber. Bebina toda. Si. Sabía que non lle quedaba nada para beber, que igual faltaba moito traxecto, pero bebina toda, as cousas son así. El nin se inmutou, comía con desgana e mirábame con ollos de neno bo, pero bebina toda. Despois comín, non tiña gusto nin me chegou a nada, pero comín. Cando rematei deille os papeis para que os gardase, cousa que fixo en silencio, non falara des que o ameazara para repartir a comida.

Aproveitando a paz tumbeime a botar un sono, estaba pechando os ollos, escoitando o son relaxante da auga do río, o piar dos paxaros entre as pólas das árbores. E no punto REM escoitei un sonido que non era ningún dos que acabo de describir. Non lle quixen facer caso, pero o ruído volviuse repetir. Abrín os ollos e non vin nada estraño. O ruído volviu. Despertei. Mirei de redor e vin a Damián bebendo. Non fixo falta dicirlle nada.

Tiña dúas, por iso che deixei beber a outra – explicou con toda a súa calma.

“Por iso che deixei beber a outra” ¿que me deixou?

Gracias – dixen con sorna.

Non te poñas así, ti colleches e bebeches, sen pensar en min – respondiu el.

Exacto – aclarei – non me deixaches.

Perdoa, tampouco quería darlle ningún matiz – dixo con certa retranca.

Xa, pero poidéchesme evitar os remorsos – boteille en cara.

Bebeches toda a botella porque che dou a gana, ¿para que che sirven os remorsos? – preguntou Damián.

Para nada, non me servían para nada, tampouco os tiña, que llo dixen para amargarlle o trago, que remorsos ía ter.

comentarios (0)



0/5 (0 votos)

Operación pixama de corazóns - zapatillas violeta - bata de lunares

January 5, 2011 por Raquel Couto Antelo  

Capítulo 17. Baril

Baril: persoa dotada de forza física e vigor, de boa saúde e capaz de realizar grandes esforzos físicos; ben feita e proporcionada, de boa presencia, que resulta agradable tanto na apariencia física como no trato; que se comporta con ánimo e valor, sen temer os perigos nin as dificultades; que ten características nobres, que destaca polas súas cualidades e que dá con facilidade do que ten, que é de bo corazón. Non creo que haxa ningún exemplo de ninguén así, pero se houbera un home baril por aí que non dubide en manifestarse.

Fonte: Diccionario da Real Academia Galega. Editorial Galaxia, S.A., 2000... si, antes da nova normativa... que cartos tirados, dalgún xeito tiña que amortizalos...

- ¿E a onde foches? – preguntei.

- Iso non é algo que se poida contar – respondiu.

E aí rematou a conversa, non porque non me apetecese saber máis, senón porque o dixo nun ton que non deixaba lugar a réplica.

O resto da viaxe fun mirando pola fiestra vendo paisaxes, ó primeiro coñecidas, despois misteriosas, máxicas e emocionantes. A radio do coche era a única música de fondo, a garulada indescifrable que ás veces facía que Damián botase a man para axustar o dial prestando atención a algún detalle.

- Brratsszsdbrrrr-348-bzzzzrrssss-348-cambio.

- Baixa do coche – ordeou Damián freando en seco.

Abrín a porta e saín case sen que o cinto de seguridade desfechase de todo. Abriu o maleteiro e berroume que quitase todo o que había dentro, que viña sendo a famosa bolsa e unha botella cun líquido de cor azul claro. Estaba case segura de que a botella non era, pero collina porque máis valía coller de máis que de menos. Ó sentir bater a tapa do maleteiro arrancou de novo, acelerou ate sacar fume das rodas e soltou o freo lanzando o coche a gran velocidade cara unha árbore. Supexen que saltaría no último segundo antes da colisión pero todo foi tan rápido que case o puiden ver aplastado entre o asiento e o airbag, case puiden sentir a súa morte apertando o meu corazón.

Mais non. Erguiuse coma o home baril que era, entre a nube de pó do fin do traxecto. Camiñou cara min ca seguridade dun heroi invencible, miroume sen piedade e agarrou a botella co líquido azul. Volviu onda o coche ca mesma determinación ca que viñera onda min, abriu a botella e baleirou o liquido enriba do coche. Corriu e lanzouse sobre min arrolando polo chan uns metros. Os metros suficientes para que a explosión do coche non nos alcanzase. Unha explosión seca, sen lume, sen danos colaterais.

- ¿Estás ben? – preguntou mentres se me sacaba de enriba.

- Si – respondín, mentindo por suposto.

Non estaba ben por moitos motivos, pero o principal era porque o chan estaba duro de máis.

- ¡Arriba! – ordeou mentres me tendía a man.

Non lle debera dicir que estaba ben para que amosase algo de compaixón, pero como o fixera erguinme. En canto estiven de pé e viu que non me faltaba perna nin brazo colliu a bolsa, abriuna e comezou a quitar o traxe.

- ¿A que esperas? ¡Quita o traxe! – dixo sen mirarme.

Tampouco era para poñerse así, non me decatara de que o tiña que facer. Nin de que tiña que levar roupa de recambio, por suposto. Menos mal que o uniforme me quedaba grande e non quitara o pixama para enchelo, que se non.

El non, el levaba o xusto para non darme unha alegría. Iso si, na bolsa levaba de todo. De todo para aquel momento e de todo para uns días. Lembrei nese momento o que me suxerira de ir á miña casa e o que lle respondera “non teño nada que precise”. Claro que non, para que ía precisar nada, a saber o tempo que tiña pensado botar por aí, a saber se podería volver á cidade, ou se sabería...

Mentres eu divagaba el colliu os uniformes e metiunos dentro do coche calcinado.

- Así pensarán que morremos no accidente – dixo ca súa seguridade.

- Si, é o que se pode pensar ó ver os uniformes tan ¿como dicilo? I-N-T-A-C-T-O-S – soltei con moita retranca.

- Os traxes son ignífugos – respondiu botándolle tamén moita retranca e medio sorrindo.

- Ah – dixen toda natural, coma se non acabase de meter a pata - ¿e agora que facemos?

- Agora temos que ir a través do monte, teño por aquí unha brúxula – explicou mentres rebuscaba na bolsa.

- Pero se temos que seguir o río... o río ten que estar aí abaixo – seguía eu ca miña retranca.

- Si, si, pero por se se lles ocorre seguirnos, ese calzado non che é moi axeitado, vanche doer os pés – dixo sinalando ás miñas zapatillas de flores.

- Non, seguro que non, pero...

- Xa sabía eu que había que ir a túa casa, mírate, pareces un faro no medio da noite – e non o dicía en plan romántico.

comentarios (0)



0/5 (0 votos)

Operación pixama de corazóns - zapatillas violeta - bata de lunares

January 5, 2011 por Raquel Couto Antelo  

Capítulo 16. Haxiografía

Haxiografía: relato no que se narra a vida e os milagres dun santo, dunha santa e por extensión biografía de personaxes famosos ou narración de sucesos con intención laudatoria. Unha haxiografía de San Perillán.

Fonte: Diccionario da Real Academia Galega. Editorial Galaxia, S.A., 2000... si, antes da nova normativa... que cartos tirados, dalgún xeito tiña que amortizalos...

- ¡Mamá! ¡Mamá! ¡Mamá! – berrou Beda emocionada.

- Cala Beda, aínda non – ordeou León en voz baixa facéndolle un aceno para que calase.

- Pero... – dixo Beda con voz decepcionada e olliños asulagados.

León volviu dicirlle que calase cun xesto doce, agarrouna pola man e agacháronse detrás dun coche. Tíñao todo pensado. Levaba pensando no tema desde o día que aquela garda amarela se lle presentou no traballo para comunicarlle o seu deceso. “Foi un accidente en acto de servizo” dixo; claro, todos eran “accidentes”, León incluso axudara a planexar algún. Non tiña que ver co goberno, traballaba nuns grandes almacéns de alimentación, cando a súa muller chegou á cúpula do goberno a el ascendérono a encargado. Non é que non valese, nin que precisase o tráfico de influencias, é que encargados había poucos, tampouco facían falta, non facían nada, o que lle deixaba tempo para botarlle unha man á muller.

Ser foi un duro golpe, non o vira vir, todo parecía tranquilo, as últimas conspiracións do partido quedaran aplacadas cunhas “vacacións nun relaxante spa no estranxeiro”. Que el soubese non había ninguén aspirando ó sitio da súa muller, nin ela fixera nada que merecese un “accidente”. Pero tomouno co mesmo sangue frío co que tomara o nacemento da súa filla ou o éxito da súa muller; ese sangue frío que, ás veces, desesperaba a Adina. Pensou por un segundos cal sería a mellor maneira de contarllo á súa filla e díxolle á garda amarela que a levase onda o seu corpo para darlle o último adeus.

- Lamentablemente iso non vai poder ser – dixo a garda con frialdade.

El non insistiu e preguntou cando sería o enterro. Sempre había un enterro oficial, con todos os honores, as coroas e os choros, había que deixar claro o que pasaba cando non se encaixaba dentro do plan do goberno. León non prestara demasiada atención ó que lle dixera a garda, “mañá ás 13:40” soaba coma un eco entre a súa dor. ¿Que pasaría? preguntábase unha e outra vez. Deixou o xornal enriba da mesa e marchou, case sobre os pasos da garda, buscar a súa filla.

Pola fiestra do patio víase a unhas cuantas crianzas facendo debuxos, a el non lle parecía axeitada aquela idea de ensino e na casa complementaba a formación da súa filla cos libros que gardaba de cando el tiña os seus anos. Non quería que a nena acabase de marioneta dalgún descendente do goberno, daqueles que estudaban fóra da cidade. Mandala fóra era outra alternativa, pero nin Adina nin el a chegaran a barallar nunca “non tivemos unha filla para non tela” dicían.

Beda medraba feliz, disfrutando das actividades triviais no colexio e da compaña atenta dos pais na casa. Allea milagrosamente a toda a intriga que a rodeaba. Cando viu a seu pai nin imaxinou que pasara algo malo, pensou que igual tiñan que ir ó médico poñer unha daquelas vacunas que lle poñían ás veces dicíndolle que non lle ía doer, aínda que si, e que era para que non collese ningunha enfermidade, cousa que non sabía o que era porque nunca sofrerara unha. Foi cando o seu pai a apertou que notou a tristura e a angustia, e cando lle viu os ollos cheos de bágoas soubo que non ía haber un final feliz daqueles dos contos que lles contaba a mestra. Comezou a chorar aínda sen que o pai lle contase o que pasaba e a preguntar por súa nai sen saber por que.

No enterro non foi mellor, para Beda, para León si. León loitaba contra a dor ca súa frialdade natural e ca ansia por saber quen de todo aquel elenco de actores estaba detrás do “accidente” da súa muller. Mentres o máximo dirixente do goberno amarelo lía con afectación finxida a haxiografía da súa muller el buscaba un comezo. Un comezo para o que fose. Non podía rematar así. Non podía quedar só no mundo cunha nena pequena que coidar. A el non lle podían arrebatar a súa amante muller aínda que el axudara a arrebatar algunas amantes mulleres e homes. A el non. Sentía unha mezcla de impotencia e ridículo. ¿Cantas veces fora figurante nos enterros oficiais doutra xente? ¿Cantas veces estivera alí de pé mirando con indiferencia unha furna que contiña as cinzas dun corpo abatido a tiros ou envelenado? ¿Cantas veces naquela mesma situación sentira unha alegría interior polo ascenso da súa muller?

Buscaba nas caras aquel sentimento que tan ben coñecía, aquela alegría detrás da indiferencia, ou peor aínda detrás das bágoas desesperadas. Poucas caras novas había, as necesarias para cubrir os ocos.

Para cando o máximo dirixente rematou ca súa disertación el xa localizara a persoa que ía ocupar o posto da súa muller, a que lle tendera a trampa e a que a ordeara. Esta vez non parecía estar detrás da orde o máximo dirixente, finxira emoción pero non chorara. Na liña sucesoria cara atrás era o axudante da súa muller o que sorría por dentro, a terceira dirixente a que respiraba con alivio e o segundo o que cubría a furna cunha mirada victoriosa.

Nas filas de atrás recoñeciu unha bágoa de pesar real, unha bágoa que escorría pola facula da secretaria da súa muller. Secretaría que agarraba furtivamente o brazo dun dos gardacostas de Adina.

comentarios (0)



0/5 (0 votos)

Operación pixama de corazóns - zapatillas violeta - bata de lunares

January 5, 2011 por Raquel Couto Antelo  

Capítulo 15. Garulada

Garulada: ruído estridente que forman moitos paxaros ó cantar simultaneamente. Non hai quen pare no parque ca garulada que arman os estorniños.

Fonte: Diccionario da Real Academia Galega. Editorial Galaxia, S.A., 2000... si, antes da nova normativa... que cartos tirados, dalgún xeito tiña que amortizalos...

Se algo facían ben na garda amarela era desfilar, sempre dereitos e acompasados; cando ían en parellas eran do mesmo tamaño; por suposto que non todos medían o mesmo, nin todas, pero iso só se notaba cando se xuntaban máis de tres.

Eu seguía parecendo un Lucho desgarbado a pesar das grapas e dos recortes. Damián mirábame con desgusto, con vergoña allea, con impotencia por non levar nada mellor ó seu carón. Non esaxero, a súa orde de que me endereitara fora un reflexo claro do seu sentir, pero no pecado levou a penitencia. E aínda así seguía adiante con determinación, cara o mar, con confianza, coma se de verdade parecésemos unha parella de gardas amarelos e a ninguén lle fose parecer raro semellante apaño no uniforme regulamentario.

- Imos ir ó garaxe da garda, quedei cas chaves do coche, non se van decatar – dixo - bueno, non se van decatar se andas dereita ¿que tes, a columna de goma, ou?

- Se o único de todo isto que lles chame a atención é que eu non ande dereita, non te preocupes – respondinlle con certa retranca.

Non era para menos, era coma un poder especial, se andas dereita vólveste invisible. Fíxeno, andei os centos de metros que nos separaban do garaxe da garda amarela concentrada en manter a columna dereita, o peito fóra e a cabeza ergueita, coma se fose de divina ou o estiramento da papada non me permitise dobrarme.

Nunca pasara por diante do garaxe da garda amarela, estaba nunha especie de polígono abandoado, todas as portas estaban abertas, non parecía haber cámaras, nin xente vixiando, nin nada. Claro que tampouco as precisaban ¿quen ía durar máis dun minuto nun coche da garda amarela sen ser garda amarela?

- De agora en diante non fales ata que te avise – ordeou amablemente.

Mireino para confirmarlle que o escoitara e que o ía facer, total non falara desde que me chamou columna de plastilina.

Dentro había un cento de coches iguais, amarelos por suposto, sen matrícula e aparcados con precisión milimétrica. Tamén había silencio. Só se escoitaban os meus pasos, os dous primeiros, porque unha mirada de Damián volvéronos silenciosos. Imaxino que foi un espectáculo digno de verse: columna dereita, peito fóra, cabeza alta e andar de pisar ovos; pero se iso era o que había que facer, facíase.

Andamos ó longo da fila número catro, vinte coches cara adiante, dous á dereita. Sacou as chaves de onde fose que as tiña gardadas, petos o traxe non tiña, polo menos durante a operación corta e pega eu non llos atopara.

Fíxome un aceno para que fora polo outro lado e me metera dentro do coche. Ulía a desinfectante. O cinto de seguridade pechouse automaticamente e o cadro de mandos iluminouse. Non era nada galáctico, tiña o básico, pero iluminado. Arrancou e saímos. Sen ningún problema, sen ningunha pregunta. Seguía pensando que era demasiado fácil, claro que quen ía querer un coche de aqueles sen ser da garda amarela.

Prendiu a radio, a da garda amarela, non a emisora oficial. Non se escoitaba moi ben, brrfisllsss-cambio-frrrrbrrrfu-¿copias? e así seguido, unha garulada.

- Moi calada vas – dixo Damián.

Mal non, moi mal, mireino moi mal. Non é que tivese nada que dicir, pero a orde fora clara e avisar, non me avisara.

- Aquí podes falar, non hai micrófonos – insistiu.

Sorrín facéndolle burla. É que me sentía tonta. A punto estiven de dicirlle que soñar provocaba impotencia.

- So podemos empregalo – dixo mirando ó volante – ate o límite da cidade, despois teremos que buscarnos a vida, tamén imos ter que deixar os uniformes. Fóra vai ser máis seguro non ir de amarelo.

Tampouco saíra nunca do límite da cidade, soñara algunha vez con facelo. Non durmida, desperta, con esperanza de facelo, pero nunca me atrevera, nin sequera sabía onde estaban os límites.

- O que non sei é se nos chegará o combustible – dubidou.

- ¿E se non nos chega? – preguntei.

- Pois se non hai ningún aviso sobre o noso coche repostamos, se o hai temos que deixar o coche; bueno se o hai temos que deixar o coche con ou sen combustible – explicou.

- ¿E se o mar está dentro do límite da cidade? – preguntei.

- Non está – respondiu con seguridade.

- ¿Saíches algunha vez da cidade? – preguntei estrañada.

- Si – respondiu el cunha mirada rara.

comentarios (0)



0/5 (0 votos)

Operación pixama de corazóns - zapatillas violeta - bata de lunares

January 5, 2011 por Raquel Couto Antelo  

Capítulo 14. Alarde

Alarde: demostración que se fai dunha cousa con orgullo e satisfación. Gústalle facer alarde do seu valor.

Fonte: Diccionario da Real Academia Galega. Editorial Galaxia, S.A., 2000... si, antes da nova normativa... que cartos tirados, dalgún xeito tiña que amortizalos...

- ¡Vai espabilando que marchamos! – dixo Damián con voz de sarxento.

E fixo mal porque non era a voz de despertar, non. Dei a volta e seguín durmindo.

- ¡Agora! – berrou desde a porta da habitación.

Seguía sen ser a voz de espertar pero soou coma o ¡Alto! da garda amarela e o medo fíxome erguer involuntariamente. Abrín os ollos con gran dificultade e mireino. Estaba de pé no corredor, mirándome con cara seria, case podía notar os seus brazos arrastrándome para que botase a andar.

Puiden pensar que todo o da noite anterior fora unha trampa; que, como pasara pola miña cabeza nalgún fugaz momento, o rapaz non era de fiar; que lle daría ós meus días un triste final. Puiden, pero a morriña só me deixou arrastrar ó cuarto de baño para lavar a cara. Ó pasar ó seu carón notei a présa na caluga, pero tampouco lle fixen caso.

- ¿Por que vas tan a modo? Díxenche que marchábamos ás doce, son as 11:30 a.m. só queda media hora, non o entendo, non o entendo, e non apura, e a tía tan tranquila e xa pasan das once e media – repetía Damián con máis desesperación que enfado.

- Vai tomar polo cú – respondinlle nun alarde de elocuencia e pechei a porta.

No espello víame cansa, esgotada. O amarelo non me favorecía, incluso notaba algúns anos que lle quitara ó meu cumprir ata daquela con total impunidade.

- Puto uniforme – dixen botando balóns fóra.

Non me sentaba demasiado ben, pero culpa do meu mal estado non tiña, pasara toda a noite soñando algo que me daba voltas na cabeza e non era capaz de lembrar.

Como puiden espabilei e saín co ánimo suficiente para ir buscar o meu destino.

- Son as 11:53 – informou Damián insinuando que era demasiado tarde.

- Si, ben, aínda non son as doce ¿non si? pois arreando – dixen entre resignada e ameazante.

El miroume con cara de garda amarelo exercente e botou man da bolsa que preparara con tanta ansia a noite anterior. Abriu a porta e mandoume saír cun aceno. Pechou a porta mentres rosmaba sobre o tarde que era, o incríble que era que non me erguese antes, o inconsciente do meu comportamento e toda unha letanía de reproches que por uns segundos converteron o seu uniforme amarelo nunha saia, nunha chambra de lunares, nunha toca de lá e nun pano de luto. Si, efectivamente, convertírase nunha vella rosmona.

- ¿Que fas aí parada? ¡Bota a andar dunha vez! – dixo histérico.

- Terás que ir ti diante, non me dixeches a onde íamos – respondín con moita sorna.

A imaxe da vella rosmona engruñando o seu corpo escultural fíxerame sorrir por primeira vez naquel día. Comprendera que non era unha trampa o que parecía estar preparando Damián, que tan só estaba sendo vítima da súa disciplina marcial.

O ton desenfadado da miña resposta pareciu sacalo da súa ríxida estrutura horaria e por fin volviu ser o garda amarelo que sabía sorrir.

- Imos ó mar – dixo con voz suave, tratando de desculparse pola súa actitude anterior.

- ¿Como que “ó mar”? – preguntei sorprendida.

- Temos que ir ó mar – insistiu – seguiremos o río ata el.

De verdade que tratei de evitar que me pasase de novo pola cabeza a idea de que a súa capacidade estaba ó nivel que lle supoñíamos á garda amarela; pero seguir o río para chegar ó mar non me parecía un plan o que se di brillante.

- Soñeino así – engadiu para demostrame que así tiña que ser.

Puiden dicirlle que os soños non eran un reflexo da realidade, que había que extraer o significado de entre a morea de metáforas que agochaban; mais non o fixen, porque acababa de erguerme e non tiña ganas de facelo, e porque non sabía exactamente o que soñara e como acababa de erguerme non tiña ganas de que mo contase.

Nunca vira o mar, nunca soñara con el, baixaba as escaleiras pensando en que misterios agocharía que o convertisen na miña salvación. O mar.

- ¡Ponte dereita! ¡Hostia! – ordeou Damián agarrándome do brazo e pinchando o dedo cunha grapa seguramente mal dobrada.

comentarios (0)



0/5 (0 votos)

Operación pixama de corazóns - zapatillas violeta - bata de lunares

January 5, 2011 por Raquel Couto Antelo  

Capítulo 13. Manuscrito

Manuscrito: Que está escrito a man. Un libro manuscrito.

Fonte: Diccionario da Real Academia Galega. Editorial Galaxia, S.A., 2000... si, antes da nova normativa... que cartos tirados, dalgún xeito tiña que amortizalos...

- ¿Que pasou onte? – preguntou Cira con esixencia.

- Non sabemos – dixo Xuño encolléndose de ombreiros.

Úrsula contoulle o do sinal de alerta e que non chegara aínda para contarlles o que pasara realmente.

- Así que colliu a noite libre, que ben vivimos – dixo Cira con certo nivel de mala hostia.

Xuño sorriu porque lle pareciu que o dicía de coña, non lle viu a maldade, Úrsula si, era obvia.

- Xa virá cando teña que vir – respondiu Úrsula con firmeza.

- ¿E ese regalo? – preguntou Cira sorrindo con certa emoción.

Coma se fora para ela, que non era, que era para min. Pero nin Xuño nin Úrsula responderon, fixeron coma se non escoitaran nada o que lle serviu a Cira de coartada para cotillear. Ela sorría coma se realmente crese que era para ela e que as outras estaban disimulando para darlle unha sorpresa. Erguiu o papel para mirar entre ocos que deixaba o envoltorio, e incluso agarrou o lazo.

- ¿Que fas? – preguntou ameazando Clara entrando pola porta.

- Nada, é que como non é de ninguén... – respondiu Cira referíndose ó regalo.

- ¿Como que non é de ninguén? – dixo Clara mirando ás outras dúas.

E no momento en que lle ía contar toda a película do regalo decatouse por un arqueo de cella de Úrsula que igual era mellor non dar demasiadas explicacións.

- ¿E Priscila? – preguntou Clara cambiando de tema.

- Está con dous clientes meus, estálle levando ben tempo – dixo Cira mirando o reloxo.

Clara nin se inmutou polo comentario, colliu o regalo e levouno fóra. Víctor marchara e a noite estaba a piques de rematar.

- ¿Marchas? – preguntou Priscila desde a distancia - ¿levas o regalo?

- Levo, non me decatei de que aquí entra todo diós, ademais parece que Rita non vai vir – respondiu Clara.

- Pois eu trouxen a bata, pensaba deixala co teu – dixo Priscila.

Clara parou en seco a súa fuxida, debatiron un pouco sobre cal sería o mellor sitio para deixalos, se os levaban de volta para as súas casas, se deixaban unha nota manuscrita para que eu soubera que eran para min; e incluso se mencionou de pasada a posibilidade de poñer unha trampa para ratos reconvertida en trampa para curiosos para evitar cotilleos varios.

- ¿Como é? – preguntou Clara con curiosidade cotilla referíndose á bata.

- Enséñocha se me enseñas o pixama – negociou Priscila.

- ¡Feito! – aceptou Clara.

Priscila entrou no chabolo buscar o seu regalo e nuns escasos segundos saiu con dous paquetes, cunha grande emoción e unha mirada de trasniña divertida que ata fixo sorrir a Clara.

- Traio o de Úrsula, estaban falando con Cira e non se decatou.

Clara agarrouna do brazo e foron cara o acantilado, sentaron a carón e puxéronse a desenvolver os regalos coma se foran para ela, Clara o de Priscila, Priscila o de Clara e a máis rápida, Clara, o de Úrsula. Cando tiveron toda a tenda montada miráronse cun certo pánico.

- Igual as debemos mercar amarelas – dixo Clara.

- ¡Manda carallo que digas ti iso! – exclamou Priscila finxindo escandalizarse.

Cada peza por separado era espectacular e amorosa, o pixama seguía sendo de corazóns grandes de cores, a bata era dun tecido peludo e abrigoso con lunares grandes de cores; e as zapatillas eran de ante con forro de lana e de cor violeta, iso si, cun vivo de cores.

- Bueno, a ela moi discreta non lle gusta ir – dixo Clara con certa retranca.

E miraron unha para a outra e botáronse a rir sen reparos. Cando se recuperaron miraron con máis atención os regalos, puxéronse de pé e fixeron como que probaban as prendas e medio fixeron un desfile cas súas poses e os seus contoneos obrigados. De súpeto Clara parou en seco, deixou de sorrir e sentou no chan outra vez.

- Tía, que Rita está ca garda amarela – dixo Clara case sen respiración.

comentarios (0)



0/5 (0 votos)

Operación pixama de corazóns - zapatillas violeta - bata de lunares

January 5, 2011 por Raquel Couto Antelo  

Capítulo 12. Nó

Nó: Porción xeralmente arredondada de madeira dura e máis escura, que aparece nun toro ou nunha táboa e que se corresponde ca unión dunha póla co tronco. A madeira con nós é de menor calidade.

Fonte: Diccionario da Real Academia Galega. Editorial Galaxia, S.A., 2000... si, antes da nova normativa... que cartos tirados, dalgún xeito tiña que amortizalos...

Esperaron ata que lles chegou traballo e tiveron que esquecer o tema. O primeiro foi Víctor, era o ex de Clara ou non, tiñan o que se chama unha relación complicada, destas de nin contigo nin sin ti; pero que todas sabíamos que era “contigo” porque se querían o que pasaba é que tiñan o seu carácter, ela máis el. O ter que relacionarse polo noso tema facíalles non perder o contacto co que o tempo nunca xogaba na súa contra.

Víctor era un dos contactos que sí coñecíamos, dos que viñan onda nós. Dos de máis confianza, metiuse no tema a partes iguais por convicción e por amor, quedou en contacto porque non era dos que sabían soñar, pero tiña unha gran habilidade á hora de atopar camiños seguros para os desprazamentos.

- ¿Que pasa? – saudou entrando pola porta.

- Que hai – respondiu Clara.

Sempre deixábamos que respondese Clara para ver en que punto estaban. Se a resposta era “Que hai” ou calquera outra polo estilo a cousa ía ben; se era máis cariñosa a cousa ía moi ben; se non había resposta mal; e se había unha resposta sarcástica, tormenta segura. Non nos afectaba, pero calculábamos mellor o ton da conversa. Se Clara non estaba non había tanto problema, salvo que el tratase de involucrarnos nunha reconciliación, erro que cometemos unha vez e ningunha máis.

- ¿Que pasou onte? – preguntou Víctor.

- Iso mesmo acabo de preguntar eu, só sabemos que Rita nos mandou o sinal de alarma e non aparecemos por aquí – respondiu Clara.

- Cando veña xa no lo conta – dixo Priscila.

- Ah, bueno, pensaba que vos pasara algo no medio de... – dixo Víctor con alivio.

- Non, nin chegáramos – explicou Xuño.

- Había ser calquera cousa, por sorte eu non tiña nada onte, hoxe teño dous, unha ven as tres e o outro hai de estar a chegar – dixo Víctor.

- Pois aquí estaremos – dixo Clara finxindo indiferencia.

Aínda que se lle notaba que quería estender a conversa o máximo posible, Úrsula decatouse de seguida e se ela llo notara era evidente de máis. Víctor saiu con calma como para contemplar a luz da lúa caendo sobre o horizonte, Clara saiu canda el e sentaron xuntos no lado que daba ó río, ó precipicio, por alí había ser raro que os vise ninguén. As outras miráronse con comprensión e cunha pequena porcentaxe de envexa.

Foi Xuño a que se ocupou do home que chegou primeiro. O sofá de Xuño era unha monada, tiña un tapizado impecable en cor maquillaxe, verde botella, granate e dourado. Tiña esa capacidade de tranquilizar á xente, así e histérica que era para o resto pois facíalles caer nunha calma que non era normal.

Ás tres chegou a muller que dixera Víctor e como el e máis Clara aínda estaban de palique atendiuna Úrsula. O sofá dela era máis tipo desastroso coma o de todas, de feito a única curiosa nese aspecto era Xuño. Tampouco transmitía a seguridade que transmitía Xuño, pero facía o traslado rápido, con seguridade e ninguén se queixara. Ninguén se queixara nunca de ningunha, nós supoñíamos que todo ía ben, quitando a miña pequena gran metedura de pata non había indicios de que ningunha o fixera mal.

Despois chegou Cira, a min non me caía moi ben, pero facía o traballo dun xeito moi eficiente, aínda que a min non me gustaban as súas maneiras, nin nada dela. Pero traballaba ben e había que aguantala, de calquera xeito non era decisión miña ter ou non ter a alguén traballando. En realidade era unha situación moi cómoda non ter decisión sobre nada, iso era o que facía que os que tiñan ansia de poder seguisen tendo poder.

Cira traía dous máis, dous homes, o dela sempre era máis urxente, máis importante, máis todo que o de ninguén; era unha desas persoas que se tomaban tantas molestias por facer ben o traballo coma por facer que todo o mundo soubera o moi ben que o facía. Ela quedaba cos clientes nun punto distinto cada vez e xuntos viñan cara o chabolo, dicía que así era máis seguro, eu non estaba convencida, pero ás outras parecíalles ben e de calquera xeito non tiñamos nada que opinar sobre como desenvolvía a súa labor.

Ela si, ela tiña moito que dicir sobre como facíamos nós o noso, e iso que non podía facer viaxes porque non era capaz de soñar, aínda que son capaz e apostar a cabeza a que intentou facelo moitas veces. Unha vez pilleina tirando o sofá de Clara costa abaixo, acabou no río. Tivemos que roubar outro nunha tenda de saldos, menos mal que Clara non se fixa neses detalles e non se decatou do cambio. Pero estou case segura de que ela pensaba que o único que facíamos era empurrar o sofá e o resto xa viña só. Estou segura, tamén, de que o fixo porque pensaba que non servíamos para nada e que podían prescindir de nós, mellor dito, que debían prescindir de nós. Como viu que non era tan sinxelo tolerábano, as outras non lle deron importancia, pero eu marquei o sitio do meu sofá para saber se alguén andaba con el.

comentarios (0)



0/5 (0 votos)

Operación pixama de corazóns - zapatillas violeta - bata de lunares

January 5, 2011 por Raquel Couto Antelo  

Capítulo 11. Once

Once: Signo de dúas cifras que representa dez máis un. No portal hai unha placa co número once.

Fonte: Diccionario da Real Academia Galega. Editorial Galaxia, S.A., 2000... si, antes da nova normativa... que cartos tirados, dalgún xeito tiña que amortizalos...

Volvino mirar. Pois si que andaba confiado.

- A iso das once podemos pasar pola túa casa para recoller o que precises – dixo dentro da súa azarosa busca de cousas que meter na bolsa.

- Non, non fai falta, non teño nada que precise – dixen con certa desconfianza.

Con certa desconfianza, si. A miña casa non viña nin diós. ¿Que se tiña algo que agachar? Pois claro que tiña. Non só algo que agachar senón moito que perder e aínda non estaba segura de non estarme dirixindo cara unha trampa certa.

El sorriu con malicia, como adiviñando o que pensaba e a verdade é que non me gustou a sensación. Estiven por contarlle o do tecido dos uniformes a ver se conseguía que sentise a mesma incomodidade ca min; pero se me dicía que xa o sabía e que a el tamén lle pasaba ía ser peor.

Unha vez o tempo non daba máis de si para uns pobres cordóns duns pobres zapatos, collín o uniforme e metinme no cuarto de baño para probar o condenado uniforme. Efectivamente era grande, ou mellor dito, G R A N D E. No espello parecíame máis a Lucho que a unha garda amarela, pero igual o fenómeno podía axustar o uniforme a algo decente.

- Vaia, non pensei que fose tan grande – dixo cando ó verme.

Pero non se ría, tampouco o axuste á miña talla foi moi preciso, pensei que ía tirar de costureiro e poñerse a coser ou que o tal uniforme se autoaxustaba ó premer algún botón e non. Colliu unhas tesouras e cortou as perneiras á altura do chan, cortou as mangas á altura do pulso e ca cabeza non fixo nada, porque a verdade pouco se podía facer. Tomou distancia e miroume sen convencemento. Nin me molestei en ir mirar ó espello, estaría máis ou menos igual pero cas mangas e as perneiras máis curtas.

- ¿Sigues pensando que é a mellor opción? – preguntei.

- Moita pinta de garda non tes, non sei, igual se pos moita roupa debaixo para enchelo... – suxeriu.

- Claro, e cando ás doce da mañá haxa 30 graos morro e xa vos aforro o traballo – escupín.

- ¿E que queres que lle faga? O material este estira, pero non encolle – dixo sen ofenderse.

- Trae unha grapadora que algo se poderá facer – ordeei.

Miroume con incredulidade, saiu da habitación, eu fun detrás, rebuscou nunha alacena que tiña na entrada e sacou unha grapadora. Douma, fun ó cuarto de baño e púxenme a recortar e a grapar. Cando rematei el durmía na súa cama. Ó carón da porta, a bolsa que estaba enchendo.

Visto que ocupaba toda a cama e que durmir significaba durmir dei unha volta pola casa. Había outra habitación cunha cama sen roupa, a cociña e unha especie de trasteiro sen nada dentro. Case amencía, estaba algo cansa así que me deitei, sen moito ánimo de durmir, pero durmín.

- Pois o paquete está aberto – dixo Clara.

- Non ha, muller, non ves que está como o deixaches – observou Prisicila.

- Que non, que o deixei alí – sinalou Clara cara a esquina da pedra da cociña.

- Igual é que o abriu, non lle gustou e volviuno a envolver para que non se notase e facer coma que non era para ela, porque claro, pixama xa ten – dixo Úrsula.

Clara respirou tratando de non enfadarse.

- Igual é que non aguantabas ate que o abrise ela e foches de espabilada rexoubar – insinuou Clara.

- Bueno, bueno, tranquilidade, mellor esperamos a que veña antes de facer tantos cálculos – dixo Priscila.

- Si, iso, que seguro que nin foi ela nin nada; onte mandounos o sinal de alarma, igual nin lle dou tempo a velo. A ver se foi un dos “intrusos” – dixo Xuño con misterio.

Mirárona sorprendidas, era unha posibilidade. Sobrevooulles a mesma idea de trampa que me viñera a min no seu momento.

- Tócalle aí, a ver se notas algo – pediu Priscila.

Clara mirou o paquete con cara de pena, botoulle a man ó lazo.

- Non, é igual, esperamos un pouco – dixo sen convencemento - ¿que pasaría onte?

comentarios (0)



0/5 (0 votos)

Operación pixama de corazóns - zapatillas violeta - bata de lunares

January 5, 2011 por Raquel Couto Antelo  

Capítulo 10. Cisco

Cisco: conxunto de porcións miúdas ou de restos que quedan dunha cousa, como os da palla despois de mallar, a feluxe, o que se varre nunha casa, etc. O cisco vaise amoreando pouco a pouco nos mobles e obxectos.

Fonte: Diccionario da Real Academia Galega. Editorial Galaxia, S.A., 2000... si, antes da nova normativa... que cartos tirados, dalgún xeito tiña que amortizalos...

- Eu Rita – dixen con urxencia para que volvese retomar a frase incial.

- Si, xa o sabía – dixo distraído.

- ¿E onte? – insitín.

- ¿E onte? – preguntou distraído – ¡Ah! si, onte soñei que te mataban.

Erguinme de inmediato nun acto reflexo e botei a correr cara a porta, el con máis rapidez aínda interpúxose no meu camiño impedindo a fuxida.

- Non, non te preocupes, non vai ser agora – dixo tratando de tranquilizarme.

Pero non me tranquilizou, a morte estaba dentro do destino de todo o mundo, aínda que eu esperaba ser unha excepción, ou polo menos non contaba con ela tan pronto.

- Teño un medio plan – seguiu – pero temos que fuxir xa.

- ¿Fuxir? ¿A onde? ¿Cal é ese plan? – preguntei nerviosa.

El sorriu ca dozura de aquel día na rúa e por fin conseguiu tranquilizarme. Conseguiu que a idea da morte se esfumara e que a paz me invadise. Ben, si, estoulle botando poesía de máis, pero é que estaba tan guapo cando sorría.

- Imos para a habitación, tes que poñer un dos meus uniformes – dixo convidándome a entrar de novo na súa habitación.

¿Un dos seus uniformes? Pensei, e volviume dar o pánico ¿e se atopaba a alguén coma nós e me vían case coma se estivese espida?.

- Non, non, non, un uniforme da garda amarela non – rosmei.

El miroume con sorpresa.

- Só é un traxe – dixo el.

Só un traxe dicía, se el soubera.

- É a mellor opción, pensa que será de quen menos desconfíen – comezou a explicar - pedín vacacións, temos unha semana de marxe, despois, se non me presento ó servizo, pois...

E quedou pensando.

- Teño que mirar no manual – dixo dando voltas de redor.

- Non te preocupes – tranquilicei – seguro que o resultado é morte.

Miroume e fixo un xesto de conformidade, viña sendo case o remate de todas as saídas de ton, e púxose a revolver no armario, tirou varios uniformes enriba da cama e seleccionou un que lle pareciu axeitado para min.

- Este é dos primeiros que me deron, vaiche quedar grande pero menos que os novos, estaba máis delgado que agora – bromeou dando unhas palmadas na tripa.

Collín o uniforme, comprobei que me quedaba grande poñéndoo contra min, non me atrevín a probalo.

- A ver, entendo que non nos vexas con bos ollos, pero de verdade que creo que é a única maneira, de momento non imos levantar sospeitas – explicou.

- Se non é por iso – comecei a dicir.

E parei aí, porque me dou vergoña soltarlle, ca pouca confianza que aínda tiñamos, o que pasaba con aquel tecido en concreto.

- Pensei en durmir ata que sexa de día e marchar a medio día cando máis xente hai pola rúa – explicaba mentres metía cousas nunha bolsa – non imos poder levar moito equipaxe, o imprescindible.

- Non, se me da igual, eu non teño moito – respondín.

- Próbao – dixo sinalando ó uniforme – temos que axustalo ó teu tamaño.

Querer non quería dicirllo, pero tampouco se me ocorría que explicación darlle, así que comecei a desatar os zapatos a modo. A modo dabondo para que me dese tempo a razoar que se era capaz de soñar tamén, con toda seguridade, podería ver a través do uniforme como podíamos nós.

Mireino.

Ou igual non, se andaba con aquela confianza.

comentarios (0)



0/5 (0 votos)

O restaurante Abastos 2.0 gaña "A toda mesa"

January 5, 2011 por Mibú  

, , , , , , ,

Na categoría profesional concursaron 13 restaurantes e resultou gañador o recetario presentado poro restaurante Abastos 2.0, de Santiago de Compostela, con nove 9 receitas excelentes que combinan produtos locais e ingredientes exóticos. Podes ver o aquí o seu recetario.

Na categoría de afeccionados, con 53 recetarios presentados, gañou "Pops-tres", presentado por David Monaguillo de Salamanca, con 9 recetas con moito chocolate mais tamén unha tentadora espuma de "mojito". Podes consultar o seu recetario aquí.

Meubook tamén recomenda os demais recetarios finalistas e os presentados a concurso, como "9 maneras sofisticadas de cocinar la sirena", "A cociña de Berta Castro", "Kanela y limón", "Da horta á cociña", "Sabores del mundo", "Cociña para estudiantes" o "Cocina desesperada de un gourmand sin complejos" ...

O honorábel xurado estivo integrado polo blogueiro degustador Manuel Gago, director de culturagalega.org e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, por Aser Álvarez, director de Comunicación de la Asociación de Hosteleros de Compostela, e polo noso entusiasta compañeiro Fernando Jiménez, director de Meubook.

comentarios (0)



3/5 (1 voto)